Guitiriz celebra a fin de semana a primeira edición do Rallymix, unha nova proba do motor galego

Guitiriz acollerá esta fin de semana o I Rallymix Concello de Guitiriz – Gran Premio Deputación de Lugo, unha nova competición automobilística que nace coa vocación de consolidarse como unha das citas destacadas do calendario galego do motor. A competición está organizada por Scratch Galicia e a Escudería Scratch Fene coa colaboración do Concello de Guitiriz e da Deputación de Lugo.
Un dos aspectos que máis protagonismo ten é a ampla e variada relación de premios que repartirá a competición. Ademais dunha dotación económica superior aos 6.300 euros entre as Clases A e B, a organización impulsará o I Trofeo Súper Sábado Panadería La Esquina, que premiará aos vencedores das sete agrupacións establecidas ao remate da xornada do sábado.
A proba contará tamén con diversos galardóns especiais destinados a recoñecer o talento e a participación en diferentes categorías. Así, entregarase o Trofeo Feminino Pub Zeus, destinado ás mellores pilotas; o I Trofeo Junior Guitiriz Racing Detailing, para os participantes menores de 25 anos; o I Trofeo Máster Pub SOA, dirixido aos pilotos maiores de 45 anos; o II Trofeo Pilotos Lucenses Carnicería Vitorio, que busca poñer en valor o talento da provincia; e o I Trofeo Scratch Fene Pub Titanic, reservado aos integrantes da escudaría organizadora.
Cada un destes trofeos especiais contará cunha dotación económica de 300 euros, repartidos entre os tres primeiros clasificados de cada categoría.
As inscricións xa están pechadas. Toda a información oficial da proba, os tempos en directo e os avisos da organización estarán dispoñibles a través da aplicación SPORTITY coa clave GUITIRIZ26.