Guitiriz celebra as Letras Galegas con teatro e unha mostra interactiva sobre Begoña Caamaño

TerraChaXa
Ata finais de mes pódese visitar unha exposición sobre a vida e obra da autora homenaxeada e participar nun xogo de ‘Pasapalabra’.
EXPOSICION-letras-galegas
17 May 2026

O Concello de Guitiriz únese á celebración do Día das Letras Galegas, que este ano 2026 rende homenaxe á figura da xornalista e escritora Begoña Caamaño, organizando varias actividades culturais co obxectivo de poñer en valor a nosa lingua e achegar a obra da autora á veciñanza. Todas as propostas terán como escenario principal a Escola Habanera.

A programación municipal centrarase en dúas grandes propostas pensadas para a participación e o gozo de todos os públicos.

O vindeiro domingo, 24 de maio, ás 19:00 horas, a Escola Habanera acollerá a representación da obra de teatro As mil e unha. Esta actividade enmárcase dentro do programa de dinamización lingüística Fala Redes, impulsado para fomentar o uso do galego dun xeito lúdico e accesible, e ofrecerá unha tarde de lecer e cultura para os asistentes.

De xeito paralelo, a mesma Escola Habanera alberga durante estas semanas unha exposición especial sobre Begoña Caamaño. A mostra, que se poderá visitar ata finais de mes, fai un percorrido pola traxectoria vital e literaria da autora homenaxeada este ano.

Para facer esta experiencia aínda máis participativa e dinámica, a exposición compleméntase cun xogo de Pasapalabra centrado na figura da escritora, onde os veciños e veciñas poderán poñer a proba os seus coñecementos e aprender máis sobre a súa achega ás nosas letras.

0.11719608306885