Guitiriz celebrará a eclipse solar cunha romaría que combinará divulgación científica, música e natureza

TerraChaXa
O Concello repartirá lentes homologadas e organizará unha observación guiada para converter Santa Mariña nun dos puntos de referencia durante o fenómeno astronómico
GUITIRIZ eclipse
3 Aug 2026

O Concello de Guitiriz organizará o vindeiro 12 de agosto a Romaría da Eclipse Solar, unha iniciativa coa que pretende converter o municipio nun dos destinos de referencia de Galicia para seguir este fenómeno astronómico. A programación desenvolverase na parroquia de Santa Mariña e combinará actividades de divulgación científica, música ao aire libre e posta en valor da contorna natural.

A xornada comezará ás 19.00 horas no Campo da Festa coa actuación do grupo Soul&Roll. Media hora despois, o público trasladarase ata o Monólito Irmáns da Lexía, onde terá lugar a observación da eclipse, acompañada de explicacións para axudar aos asistentes a comprender as distintas fases do fenómeno e a súa evolución.

Para garantir unha observación segura, o Concello repartirá de forma gratuíta lentes homologadas para a observación solar, facilitadas pola Deputación de Lugo, ata esgotar existencias. Unha vez superado o momento de máxima intensidade da eclipse, a música volverá ser protagonista coa continuación do concerto de Soul&Roll, incluído no programa Cultura no Camiño, promovido por AGADIC.

O evento conta coa colaboración da Deputación de Lugo e da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), e busca aproveitar un acontecemento astronómico excepcional para promocionar Guitiriz como destino turístico e dar a coñecer o seu patrimonio natural e cultural.

Desde o Concello tamén se recomenda acudir con roupa cómoda, calzado axeitado, protección solar, gorra e auga, ademais de lembrar que nunca se debe mirar directamente ao Sol sen lentes homologadas, xa que pode provocar lesións oculares irreversibles.

A celebración da romaría estará condicionada polas condicións meteorolóxicas, xa que a visibilidade será determinante para poder seguir a eclipse nas mellores condicións.

0.12431597709656