Guitiriz celebrará as festas de San Xoán do 23 ao 28 de xuño cun amplo programa de actividades

Guitiriz xa ten preparado o programa das festas de San Xoán 2026, que se desenvolverán entre os días 23 e 28 de xuño cunha completa oferta de actividades relixiosas, culturais, gastronómicas e musicais para todos os públicos.
As celebracións arrancarán o martes 23 cunha sardiñada e o tradicional lume novo a partir das 21.00 horas. A xornada rematará cunha verbena protagonizada por DJ e a orquestra Ráfaga.
O mércores 24, día grande das festas, haberá pasarrúas a cargo do grupo de música tradicional Xesta Verde, seguido da misa solemne e procesión ás 13.00 horas. A sesión vermú estará amenizada polo Trío Manhattan e, pola noite, a verbena correrá a cargo de Manhattan e El Combo Dominicano.
A programación continuará o xoves 25 cunha sesión vermú protagonizada polo Dúo Venus e coa actividade infantil “Unha de piratas”, incluída no programa Cultura no Camiño.
O venres 26 celebrarase unha das novidades desta edición coa organización dun escape room baixo o título “Guitiriz entre auga e lume”, con saída desde o Campo da Feira. Ademais, terá lugar a iniciativa “Toma un viño con Bloquiño de Xermolos”. Pola noite, a verbena contará coa actuación da discoteca móbil Disketoca, DJ J.J. Compota e a orquestra La Última Legión.
O sábado 27 abrirase con pasarrúas dos Trapeiros dos Vilares e sesión vermú coa Charanga Louband. A festa continuará pola noite coa actuación da orquestra Nueva Fuerza, acompañada pola discoteca móbil Chocolate e DJ Tito Maverick.
As festas rematarán o domingo 28 coa misa solemne e a actuación da Banda Municipal de Música do Concello de Guitiriz. A sesión vermú estará amenizada polo grupo Dilema e, xa pola tarde, a programación cultural concluirá coa actuación de Leti da Taberna, que presentará o seu monólogo “Enredada”.
O cartel conta coa colaboración de numerosas empresas e entidades da comarca, así como co apoio da Xunta de Galicia, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Guitiriz, que volven apostar por unha das celebracións máis destacadas do calendario festivo local.