Guitiriz contará cun mercadiño de torco de libros e videoxogos este Nadal

TerraChaXa
O Concello de Guitiriz organizou dous mercadiños de troco, de libro e de videoxogos, para os días 28 de decembro e 2 de xaneiro.
22 dic 2022

O Concello de Guitiriz organizou dous mercadiños de troco, de libro e de videoxogos, para os días 28 de decembro e 2 de xaneiro. Esta iniciativa encádrase dentro das actividades que completarán a programación do Mercado de Nadal do Campo da Feira.

O mercadiño de troco de libros terá lugar o 28 de decembro mentres que o de videoxogos está previsto para o 2 de xaneiro, e ambos serán na caseta do Concello, onde tamén haberá un posto informativo sobre servizos municipais.

As bases para participar nestes mercadiños concretan que o horario do intercambio será, nesas datas, de 17 a 19 horas. Ese mesmo día as persoas interesadas deben depositar os libros ou videoxogos que desexen, ata un máximo de 10, en horario de 10 a 13 horas para os libros e de 11 a 13 horas no caso dos videoxogos, co obxectivo de que sexan rexistrados e etiquetados.

Por cada libro ou videoxogo entregado as persoas participantes recibirán un vale para cambialos por calquera outro do mercadiño que lles interese. No caso dos libros haberá diferentes categorías: infantil e xuvenil, divulgación, cómics e ficcións.