Guitiriz convoca un novo curso oficial para formarse como monitor de tempo libre

O Concello de Guitiriz, coa colaboración de escuelaContalento, anuncia a convocatoria dun novo curso oficial para todas aquelas persoas interesadas en formarse como monitoras e monitores de tempo libre. A formación será de carácter semipresencial, terá unha duración total de 200 horas durante os meses de novembro e decembro e estará subvencionada polo Concello.
Para participar será necesario ter cumpridos os 18 anos e contar co título da ESO ou equivalente. A presentación do curso terá lugar o 31 de outubro, mentres que a formación en liña estará dispoñible desde o 2 de novembro ata o 17 de decembro. As sesións presenciais celebraranse os días 13, 14, 15, 27, 28 e 29 de novembro e 4, 5, 6, 18, 19, 20, 22 e 23 de decembro.
As clases presenciais desenvolveranse na Escola Habanera. Os venres serán de 16.00 a 21.00 horas, os sábados de 9.00 a 14.00 e de 15.00 a 20.00 horas, e os domingos de 9.00 a 14.00 horas.
Unha vez completadas as 200 horas lectivas, as persoas participantes terán garantidas 150 horas de prácticas profesionais, que deberán realizar nun período de dous anos despois da celebración do curso.
As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 15 de outubro a través da páxina web de escuelaContalento. O prezo final da formación é de 175 euros, dos que 100 corresponden á matrícula, 50 á solicitude das prácticas e 25 á expedición do título. O pagamento poderá efectuarse na propia páxina web unha vez se complete o número mínimo de prazas.
Para obter máis información, as persoas interesadas poden contactar co departamento de Servizos Sociais do Concello de Guitiriz no teléfono 982 370 109 ou no enderezo electrónico rfanego@concellodeguitiriz.com.