Guitiriz despide o verán cunha festa da escuma na praza do Campo da Feira

O Concello de Guitiriz organiza este sábado, 12 de setembro, a Festa de Fin de Verán, unha xornada pensada para que veciñas, veciños e visitantes poidan gozar dunha tarde de diversión e despedir a tempada estival por todo o alto.
As actividades desenvolveranse na praza do Campo da Feira, en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
Ao longo da xornada, as persoas participantes poderán desfrutar de diferentes propostas de lecer, con inchables e xogos para todas as idades, entre os que se inclúen actividades como laser tag ou un simulador de surf.
Como broche final, a festa contará cunha gran festa da escuma, que poñerá o punto e final a unha xornada deseñada para gozar en familia.