Guitiriz festexa por todo o alto os cen anos da Escola Habanera

TerraChaXa
No acto, que rematou cun convite cubano, participaron antigos alumnos e profesores da Escola
cen-anos-casa-habanera
20 sep 2024

A Escola Habanera de Guitiriz encheuse hoxe de historia, lembranzas, cultura, música e gastronomía, galega e cubana, nunha xornada moi especial para seguir celebrando o centenario da súa apertura.

Este acto serviu como reencontro para moitos ex alumnos e alumnas, profesores e profesoras, que viviron algunha etapa da súa vida educativa nesta escola. Xente como Josefa, Antonio de Ansede, Maximino, Alfonso Blanco ou Manolo Cachán contaron as súas anécdotas e lembranzas dos anos que pasaron formándose na Habanera.

A súa historia escoitouse en toda a provincia a través do programa ‘Voces de Lugo’, de Radio Voz, que hoxe se emitiu en directo desde Guitiriz, e que tamén contou coa participación de Juan Carlos Vivero (Lousada, Xermade), que realizou o estudo ‘A sociedade de instrución e recreo Progreso de Lousada’.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, destacou a importancia da emigración para a nosa sociedade “no pasado pero tamén agora” e amosouse “orgullosa de poder contar en Guitiriz cun edificio como este, que non é só unha parte da nosa historia se non que ten vida propia coas actividades e eventos que alberga ao longo do ano”.

Convite cubano

A Casa Habanera tiña as súas portas abertas a calquera que desexase achegarse a desfrutar da xornada. Foron moitos os veciños e veciñas do municipio que asistiron ao acto e aproveitaron para desfrutar dun convite con música cubana a cargo do grupo SonBoleros e pinchos típicos do país caribeño, da man do Iberik Gran Balneario de Guitiriz.

O acto forma parte da programación especial do Concello de Guitiriz para celebrar o centenario da apertura de portas da Escola Habanera, un dos edificios máis emblemáticos e importantes do municipio.

0.18222284317017