Guitiriz formará a mulleres emprendedoras cun programa gratuíto na Aula CeMIT

TerraChaXa
O programa celebrarase os días 2 e 3 de decembro de 19:30 a 21:30 horas
trabajo_internet_ordenador_recurso
26 Nov 2024

A Aula CeMIT do Concello de Guitiriz acollerá un programa de formación gratuíta sobre ferramentas dixitais dirixido a mulleres emprendedoras.

Trátase do programa Extraordinarias, unha iniciativa da Fundación Cibervoluntarios coa que se busca formar neste tipo de ámbito ás mulleres emprendedoras da zona para axudar a impulsar os seus negocios, como e-commerce e marketing dixital.

A actividade conta con prazas limitadas, polo que será preciso realizar unha inscrición previa a través do teléfono 982 37 00 62 ou do correo electrónico cemit.guitiriz@xunta.gal, onde tamén se pode solicitar máis información. Para poder levar a cabo a actividade é necesario que haxa un mínimo de 10 persoas apuntadas.

En total, Extraordinarias contará con dúas sesións que se celebrarán na propia Aula CeMIT de Guitiriz os días 2 e 3 de decembro en horario de 19:30 a 21:30 horas.

O Concello de Guitiriz, a Aula CeMIT e a Fundación Cibervoluntarios queren ofrecer esta formación a todas as mulleres con ganas de adquirir coñecementos neste ámbito para desenvolver as súas ideas e acadar as súas metas laborais.

O programa conta con tres niveis de formación; básico, intermedio e avanzado. No nivel básico os contidos a tratar serán a importancia da transformación dixital, como crear perfís de empresa en Facebook e Google, como mellorar a presenza da empresa coa páxina web e o WhatsApp Business, consellos de seguridade e sobre contrasinais e casos de éxito.

extraordinarias-guitiriz-formacion-cartel
0.1664559841156