Guitiriz presenta o seu III Plan de Igualdade

TerraChaXa
O Concello de Guitiriz presenta o seu III Plan de Igualdade Entre Mulleres e Homes, que estará vixente desde o ano 2022 ata o ano 2025.
Guitiriz_Casa_do_Concello
Guitiriz_Casa_do_Concello
27 Ago 2022

O Concello de Guitiriz presenta o seu III Plan de Igualdade Entre Mulleres e Homes, que estará vixente desde o ano 2022 ata o ano 2025 e no que a transversalidade, implicando a todos os órganos e departamentos da institución, será o concepto central.

“En 2012 o Concello de Guitiriz comezou a súa andaina e decidiu poñer en marcha o seu I Plan de Igualdade e agora, 10 anos despois e tras unha pandemia mundial e un mundo totalmente diferente, toca a posta en marcha do III Plan de Igualdade”, explica a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira.

O documento debe ser capaz de mellorar a situación social actual entorno ás desigualdades de xénero, de promover o benestar da poboación en xeral e das mulleres en particular. Así mesmo, pretende reducir as desigualdades entre mulleres e homes.

Así, o III PIOM do Concello de Guitiriz mostra unha serie de medidas concretas e obxectivos específicos que teñen que mellorar a situación das mulleres no municipio, servindo como unha ferramenta de traballo, non só para o persoal técnico da administración local, senón tamén para os axentes sociais pertencentes a dito territorio.

Os principios orientadores do III PIOM son os seguintes: de transversalidade, de diversidade, pluralidade e multiculturalidade, de participación e de coordinación. Por tanto, a metodoloxía que se vai a levar a cabo será a participativa. “Se somos capaces de promover a participación, fortaleceremos as posibilidades de transformación social”, afirma a rexedora.

Esta folla de ruta articúlase en torno a seis áreas de actuación: benestar integral e participación cidadá: información e sensibilización en torno á igualdade entre mulleres e homes; corresponsabilidade, concilicación e xestión dos tempos; coeducación e accións para o ocio e tempo libre; emprego, formación e emprendemento; e violencia de xénero.

Marisol Morandeira salienta que “a pesar dos importantes avances logrados, a desigualdade de xénero segue a ser unha realidade presente en moitos ámbitos da sociedade e, con este plan, desde o Concello queremos poñer o noso gran de area para avanzar todo o posible”.

“Gustaríame contar con toda a xente do municipio para camiñar cara adiante e lograr a igualdade real: empresas, particulares, entidades, mozos e mozas, asociacións… en resume, con tódolos homes e mulleres facendo equipo para facer que o feminismo sexa un camiño común”, subliña.

CONSULTA O PLAN NESTE ENLACE

0.14641809463501