Guitiriz será esta fin de semana a capital nacional do termalismo

TerraChaXa
A vila acolle, do 13 ao 15 deste mes, o XVII Encuentro de Villas Termales da Fegamp
presentacion-guitiriz-villas-termais
Presentación do evento
12 Xuño 2024

Guitiriz converterase esta fin de semana na capital nacional do termalismo. A localidade acolle, do 13 ao 15 de xuño, o XVII Encuentro de Villas Termales da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), organizado en colaboración co Concello e a Deputación de Lugo.

O Iberik Gran Balneario de Guitiriz, que será o epicentro deste encontro, acolleu hoxe a presentación do evento, un acto no que participaron a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, o deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, e o director do balneario, Daniel Castrillón.

Marisol Morandeira destacou que este encontro “é unha oportunidade para ver a xestión que se leva a cabo noutras vilas termais” e explicou que “é unha honra poder ser, xusto agora, sede deste evento”. “É un momento perfecto xa que tras estar varios anos pechado, o Balneario de Guitiriz, un espazo con máis dun século de historia e símbolo do noso termalismo, reabriu no 2023 e xa se erixiu, de novo, como un dos polos de desenvolvemento económico do municipio, creando postos de traballo e sendo un atractivo turístico máis”.

“A cita será moi importante para toda a localidade xa que, ademais de contribuír a seguir poñendo en valor a Guitiriz como vila termal e ao balneario unha referencia en Galicia, este encontro permitirá dinamizar todo o tecido económico e comercial guitiricense, que se beneficiará dos visitantes que asistirán a todas as actividades que completan a programación do evento”, engadiu.

Pola súa parte, Pablo Rivera, salientou que “a Deputación participa neste encontro como membro da asemblea e tamén colaborando co Concello na organización” e quixo felicitar á alcaldesa “pola cantidade de eventos que está acollendo Guitiriz nos últimos tempos”.

Por último, Daniel Castrillón sinalou “a importancia especial que ten para o balneario este evento”. “Estamos emocionados e con moitas ganas de enfrontar este evento do voso lado”, comentou.

Encontro termal e Asemblea Constitutiva

A Asemblea Constitutiva e o XVII Encuentro de Villas Termales volve a Guitiriz despois da edición celebrada no ano 2006 e faino con tres xornadas nas que, representantes locais de municipios termais, así como outros profesionais do sector, compartirán espazos de traballo e reflexión orientados a establecer as liñas da nova lexislatura, potenciando e dinamizando a marca Villas Termales e as experiencias dispoñibles nestas entidades locais.

Ao longo da asemblea e do encontro cobrará especial relevancia a evolución dos traballos do convenio subscrito entre esta sección e a Setur no marco do Programa Experiencias Turismo de España, financiado con Fondos Next Generation.

A Asemblea Constitutiva celebrarase o sábado 15 de xuño, onde se aprobarán as actividades para os próximos meses e a composición do novo Consello de Goberno da rede.

0.10289907455444