Guitiriz será sede da fase previa do Campionato Galego de Seleccións Comarcais de fútbol sala

TerraChaXa
Celebrarase o mércores 6 de decembro e englobará as categorías infantil masculino, infantil feminino, alevín masculino, alevín feminino e benxamín mixto.
reunion campionato seleccions comarcais futbol sala guitiriz
reunion campionato seleccions comarcais futbol sala guitiriz
29 Nov 2023

Celebrarase o mércores 6 de decembro e englobará as categorías infantil masculino, infantil feminino, alevín masculino, alevín feminino e benxamín mixto.

O Concello de Guitiriz acolleu esta mañá un dos actos de presentación da fase previa da zona norte do Campionato Galego de Seleccións Comarcais de Fútbol Sala. O pavillón municipal Jonathan Carro Paz de Guitiriz será unha das sedes desta competición que se celebrará o mércores 6 de decembro e que englobará as categorías infantil masculino, infantil feminino, alevín masculino, alevín feminino e benxamín mixto. O pavillón municipal de Baamonde en Begonte e o pavillón municipal Castro Ribeiras de Lea en Castro de Rei serán as outras dúas instalacións que acollerán o campionato.

Durante o acto estiveron presentes a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, o concelleiro de Deportes, Iván Morado, o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto, e o delegado federativo en Lugo, Manolo Vilachá.

A alcaldesa, Marisol Morandeira, amosouse “encantada de colaborar, unha vez máis, coa Federación” e explicou que “este tipo de eventos son bos para o pobo porque atraen moita xente”. Neste sentido agradeceu “á hostalería local a súa implicación nestes casos, sempre responden á demanda e colaboran en todo o posible”.

O concelleiro de Deportes, Iván Morado, salientou que “Guitiriz é pedra e auga pero tamén é deporte”. “No Concello estamos encantados de acoller este tipo de eventos, sempre teredes a nosa man tendida”, afirmou.

Pablo Prieto, vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, apuntou que “Guitiriz para nós é como a nosa casa, sempre ten dispoñibilidade e conta cunhas moi boas instalacións deportivas e unha gran capacidade de organización”. Ademais, anunciou que en febreiro o municipio acollerá un partido amistoso da selección galega sub-19 feminina, encontro que servirá de preparación antes da súa marcha ao Campionato de España.

Pola súa parte, Manolo Vilachá, agradeceu ao Concello “que sempre está disposto a colaborar” e desexou “que sexa un día bonito para todas e todos e que todo vaia ben”.

Horarios

  • 10:00 h. Lugo Sub-14 – A Coruña Sub-14 (Infantil masculino).
  • 11:15 h. Lugo Sub-12 – A Coruña Sub-12 (Alevín mixto).
  • 12:30 h. Ferrol Sub-14 – A Coruña Sub-14 (Infantil masculino).
  • 16:30 h. Ferrol Sub-12 – A Coruña Sub-12 (Alevín mixto).
  • 17:45 h. Lugo Sub-14 – Ferrol Sub-14 (Infantil masculino).
  • 19:00 h. A Coruña Sub-12 – A Costa Sub-12 (Alevín mixto).
0.18040800094604