“Hai que desfrutar do fútbol pero o esforzo é innegociable”

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
O riotortense Andrés Castrín é defensa central do Sevilla FC, un dos poucos lucenses que logrou xogar en Primeira dando o salto desde o CD Lugo, e que recentemente marcou o seu primeiro gol na categoría de ouro
Riotorto-vecinos-Sevilla-partido-Espanyol-animar-Castrin-2026-2
14 Jun 2026

O nome de Andrés Castrín xa forma parte da historia recente do fútbol galego. O centrocampista de Riotorto, nado Andrés López Gallo, viviu unha das noites máis especiais da súa carreira ao marcar o seu primeiro gol en Primeira División coa camiseta do Sevilla FC, nun triunfo por 2-1 fronte ao RCD Espanyol no estadio Ramón Sánchez-Pizjuán. O tanto, anotado no minuto 82, desatou a ledicia tanto da afección sevillista como do grupo de veciños e amigos desprazados desde Riotorto para acompañalo nun día inesquecible.

Formado nas categorías de base da Escola Deportiva Lourenzá e da canteira do CD Lugo, Castrín foi queimando etapas ata consolidarse como unha das promesas do fútbol lucense. Tras o seu paso polo Rácing Vilalbés e polo Polvorín FC, filial do Lugo, o central deu o salto ao Sevilla Atlético en 2024,

iniciando unha progresión que agora o levou a debutar e marcar na elite do fútbol español.
Humilde, traballador e moi vencellado á súa terra, Andrés Castrín repasa nesta entrevista os seus comezos, a súa evolución deportiva e o orgullo de representar a Riotorto no máis alto do fútbol profesional.

Como foron os teus comezos no mundo do fútbol?

Empecei moi novo, na etapa benxamín ou prebenxamín, tiña tres aniños. Lembro que xogaba con meu curmán, que me levaba cinco ou seis anos. Despois entrei nas escolas deportivas de Lourenzá e alí comecei a compaxinar o fútbol sala co fútbol campo. Durante varios anos seguín practicando as dúas modalidades ata que, xa en idade infantil, decidín centrarme no fútbol campo e quedei en Lugo.

Como foi a túa evolución nas categorías inferiores?

No primeiro ano de infantil marchei para Viveiro e despois pasei ao Vilalbés, de cadete, onde estiven unha tempada cedido. Despois fun queimando etapas ata que entrei no primeiro equipo do Lugo. Máis tarde incorporeime ao Lugo, que foi un paso moi importante na miña carreira. Alí fun medrando como xogador e tamén como persoa.

E como xurdiu a oportunidade de fichar polo Sevilla?

Despois dunha boa tempada no filial do Lugo, na que cheguei a disputar 22 partidos co primeiro equipo en Primeira Federación. Foi unha boa tempada, con partidos de bastante nivel e así xurdiu a oportunidade cando me comunican que me quere o Sevilla Atlético, que estaban buscando o ascenso a Primeira REF. Para min era unha oportunidade moi importante, tanto pola miña idade como polo salto que supuña a nivel profesional. O Sevilla apostou por min para o filial e vin claro que era o momento de dar ese paso.

Como valoras a túa progresión desde a chegada a Sevilla?

O primeiro ano foi moi positivo. Xoguei máis de trinta partidos e o equipo quedou preto do play-off. Esta temporada xa puiden entrar na dinámica do primeiro equipo e estou moi agradecido pola confianza que me transmitiron os adestradores. Tanto Matías como Luis apoiáronme moito e eu intento aproveitar cada oportunidade.

Que significou para ti marcar o teu primeiro gol en Primeira División?

Foi algo único, unha emoción tremenda. Ademais chegou nun momento moi importante para o equipo, nun partido crítico no que necesitabamos gañar. Aquel encontro marcou un pouco o inicio da remontada da temporada e para min quedará sempre como un dos momentos máis especiais da miña carreira.

Segues mantendo relación coa túa terra e coa túa familia en Riotorto?

Si, por suposto. Sempre que nos dan dous ou tres días libres intento ir a casa. Meus pais seguen vivindo alí, tamén meu irmán, os meus amigos e toda a miña familia continúa en Riotorto. Sempre que podo regreso a Galicia porque para min segue sendo casa. Riotorto non o cambio por nada.

Gustaríache volver a Galicia no futuro?

Nunca se sabe o que pode pasar no fútbol, pero cando remate esta etapa do fútbol gustaríame estar o máis preto posible da miña familia. Galicia sempre vai ser o meu lugar.

Pensas xa no teu futuro máis alá do fútbol?

Agora mesmo estou totalmente centrado na miña carreira deportiva, aínda que tamén estou mirando de continuar formándome, facendo estudos sobre todo no ámbito económico. Quero prepararme para o futuro, pero sen perder o foco no fútbol.

Como é a túa vida en Sevilla?

A verdade é que moi ben. A calidade de vida é espectacular. O máis complicado é a calor, sobre todo nestas épocas do ano, pero polo demais estou encantado.

Que lles dirías aos nenos e nenas que soñan con chegar ao fútbol profesional?

Que teñan paciencia e que se centren en desfrutar e pasalo ben co fútbol. Hai que traballar moito e esforzarse sempre, porque o esforzo é innegociable. Logo as oportunidades poden chegar ou non, pero sen traballo é imposible que cheguen.

Que representa o CD Lugo para ti?

O Lugo é a miña casa. Foi o club onde me formei, onde aprendín e onde comecei a crer verdadeiramente que podía cumprir este soño. Alí coñecín adestradores e compañeiros que me axudaron moitísimo. Grazas ao Lugo hoxe podo vivir todas estas experiencias. Sempre vou estar agradecido ao club por confiar en min, darme esa confianza e deixarme medrar e voar como futbolista para poder vivir este soño.

0.12869381904602