Homenaxe en forma de libro, música contra a violencia machista e un musical familiar esta semana en Vilalba

TerraChaXa
O Concello de Vilalba impulsa varias actividades culturais nesta semana que comezarán coa presentación do libro Ganduxando Vidas o venres 24 de novembro ás oito do serán no salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba en homenaxe a Xaquín Campo Freire.
Auditorio Municipal de Vilalba.
20 Nov 2017

O Concello de Vilalba impulsa varias actividades culturais nesta semana que comezarán coa presentación do libro Ganduxando Vidas o venres 24 de novembro ás oito do serán no salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba en homenaxe a Xaquín Campo Freire.

O acto contará coa intervención de Alfonso Blanco Torrado, Nieves Espiñeira Medín, Manuel Castro Santamariña, Xulio Xiz -coordinador do libro- e o propio homenaxeado.

E ás oito e media o auditorio municipal acollerá o espectáculo "Música contra a violencia machista" no que participarán mozos e mozas de Vilalba que, a través de distintos estilos musicais, expresarán o seu rexeitamento á violencia contra as mulleres.

O acto que coincide co Día Internacional contra a violencia de xénero que se conmemora o 25 de novembro contará coa participación dun grupo de seis rapaces e rapazas do IES Basanta Silva -Ari, Noa, Anxo, Lois, Montero e Trastoy-, ademais do grupo de RAP 27800 MAFIA (Kryme, Akavaro e Poci) e os djs Diego Amido e David García.

As entradas para este acto serán gratuítas e poderán sacarse na Casa da Cultura e a través da plataforma Ataquilla.com ata completar aforo.

Musical La Bella y la bestia
“La Bella y La Bestia” é un musical familiar baseado no conto de fadas de Gabrielle-Suzanne Barbot de Villeneuve e a obra revisada e abreviada de Jeanne-Marie Leprince de Beaumont que a escribiu a partir da historia orixinal. Esta historia representada en Teatro Musical é ideal para que maiores e pequenos disfruten xuntos coa gran posta en escea, os personaxes variopintos e pola maxia que desprende en cada escea con fermosas e divertidas coreografías e cancións con voces en directo.

Así, chegará o sábado 25 de novembro ao auditorio municipal Carmen Estévez de Vilalba a partir das cinco e media da tarde. Os interesados e interesadas poden conseguir as entradas por 12 euros a través do portal Ataquilla.com ou na Casa da Cultura. O sábado antes do espectáculo poden adquirirse por 14 euros no propio auditorio. En calquera caso, os nenos e nenas menores de 2 anos que non ocupen butaca non pagan.

0.16956782341003