Homo homini lupus
Por Breixo González
Este mes o artigo vai nun enfoque máis “polémico” e con el quero facer unha pequena reflexión de que hai que analizar os feitos e ver que as cousas non son tan simples como parecen, e que as veces é máis doado buscar un culpable que analizar os problemas, máis difíciles pero que de resolverense o conto cambiaría moito.
Durante estes meses estivemos vendo a polémica da introdución do lobo no catálogo de especies protexidas. E falouse moito de que ía ser a fin da gandaría... O final empregouse o lobo como outra arma máis nas leas políticas que temos todos os días. En Galicia realmente a introdución non supuxo un cambio legal (non se considera unha especie cinexética, e só se autorizaban batidas por danos por parte da Xunta, (que nos últimos anos non conseguiron cazar ningún, bueno, mataron un can en Friol), e agora despois de todo ese rebumbio... Soubemos que esa protección implicaba que os orzamentos que aumentan de xeito substancial (aínda que non chegamos o que debera ser). Isto o final é o mesmo conto de sempre, as administración elles máis doado culpar a un animal que analizar cal é o verdadeiro lobo que acaba cas explotacións.
Por un lado temos unha nefasta política rural na que dun lado eliminamos a nosa floresta e monte raso (por certo, hábitat de esas especies que tantos quebradizos de cabeza dan) e polo outro tamén temos unha perda brutal de terras de cultivo e todo para ter un só cultivo (e falamos do eucalipto) que depende dunha soa empresa que nin paga os seus impostos aquí... Xa sen mencionar a cuestión medioambiental, economicamente é un suicidio (como todo o mundo da costa de Galicia sabe).
Por outra banda e relacionado con isto dende os 90 promocionouse que cada vez teñamos menos granxas e con máis cabezas de gando, cunha insuficiente superficie agraria e moi dependente de ter que comprar materias primas de fóra, e vemos que cando un traballa cuns marxes case inexistentes, cando se produce unha suba de enerxía e materiais... ese marxe desaparece... e as explotacións agonizan... e para poñer o último cravo no ataúde... temos unha distribución de venda da carne e do leite que paga por debaixo dos custos de produción... Pois apaga e vámonos.
Señores, o lobo que acaba cos gandeiros non é outro que o que se senta nun despacho e vai de traxe. É aquel que fixa uns prezos de pena de carne e leite, o mesmo que vende a perdas en grandes superficies comerciais ou os lobbies mineiros e das eléctricas cos seus megaparques eólicos que poden ocupar terras agrarias.
As comarcas gandeiras son as que fixan poboación no rural, esas gandarías con bos manexos son neutras na produción de metano e CO2.
O que precisamos son medidas de apoio a gandaría e a vida no rural, ter os mesmos accesos a telecomunicacións (eso facilitaría o establecemento de negocios agrogandeiros que sexan a vez produtores e vendedores), establecer leis que impidan as grandes distribuidores que poidan mercar tanto o leite como a carne a prezos por debaixo de custo de produción, potenciar que os propios produtores sexan os vendedores do seu produto, impedir de que poidamos ver produtos foráneos que se venden a prezos moito máis baixos que os de aquí (como ver carne de vaca de Polonia nun supermercado galego que se vende por debaixo do prezo de produción e que non ten os mesmos niveis de benestar e calidade hixiénico-sanitario que aquí). Reducir o IVE dos produtos agrogandeiros, que se potencie o consumo de produtos de proximidade e que de verdade se compensen os danos por fauna salvaxe e que se den axudas de verdade para a prevención dos mesmos. E que non se permita que o noso rural se convirta nun deserto verde de eucaliptos e eólicos e que se remate co pouco do noso monte en estado natural que o único que fai é empurrar os animais salvaxes a meterse nas terras agrarias.
O lobo de verdade, o depredador do noso rural é un home traxeado... e como di a frase do escritor latino Plauto “Homo homini lupus” que significa literalmente “O home é un lobo para o home”.