Hospitais galegos acollen o ensaio clínico da vacinación combinada fronte á gripe e o covid

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | FerrolXa | OurenseXa
Este sábado e domingo, sen necesidade de cita previa, as persoas interesadas poden acudir a calquera dos 14 hospitais galegos, de 9,00 a 14,00 e de 15,00 a 21,00 horas
estudo-vacina-combinada-covid-gripe
14 Nov 2026

O ensaio clínico Combogal, impulsado pola Xunta para avaliar a mellor estratexia de vacinación fronte á gripe e á covid nas poboación de 65 ou máis anos, continuará esta fin de semana nos 14 hospitais do Servizo Galego de Saúde sen cita previa.

O ensaio desenvolverase este sábado e domingo no Hospital Universitario da Coruña, no Hospital Comarcal Virxe da Xunqueira de Cee, no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, no Hospital Comarcal de Barbanza, no Hospital Arquitecto Marcide, no Hospital Lucus Augusti (HULA), no Hospital Comarcal da Mariña, no Hospital Comarcal de Monforte, no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), no Hospital Comarcal de Verín, no Hospital Comarcal de Valdeorras, no Hospital Público Álvaro Cunqueiro, no Hospital Provincial de Pontevedra e no Hospital Comarcal do Salnés.

Para informar sobre a participación, a Xunta enviou mensaxes SMS sobre esta iniciativa á poboación seleccionada, na que se indica que se pode acudir aos centros hospitalarios sen necesidade de cita previa, en horario de 9,00 a 14,00 e de 15,00 a 21,00 horas.

Esta posibilidade manterase ata a próxima fin de semana do 21 e 22 de novembro.

De luns a venres, ampliouse o número de centros de saúde colaboradores ata os 69, dos cales 6 son da área sanitaria da Coruña e Cee; 6 de Ferrol; 8 de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 20 da de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; 12 de Pontevedra e O Salnés; 10 de Santiago de Compostela e Barbanza; e 7 de Vigo.

Ata este xoves, xa participaron no ensaio 15.635 persoas nas sete áreas.

O obxectivo do ensaio clínico Combogal é comprobar se unha vacina combinada fronte á gripe e á covid reduce o risco de hospitalización, complicacións e morte asociadas a estas infeccións, en comparación coa administración simultánea dunha vacina antigripal de alta dose e outra fronte á covid en inxeccións separadas.

A vacina combinada xa foi testada e autorizada, polo que o estudo busca determinar a estratexia de protección máis axeitada para a poboación maior.

Toda a información está dispoñible na web do ensaio.

As persoas interesadas en participar poden reservar cita a través da aplicación Sergas Móbil ou no teléfono habilitado para este fin, o 900 842 217, que estará operativo de 10,00 a 20,00 horas.

0.76016306877136