Impulsarán a cualificación de 900 traballadores afectados polos peches das centrais das Pontes e Meirama

TerraChaXa
O Consello da Xunta aprobou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e axentes sociais económicos vinculados ao sector industrial
laboratorio-ciclo-combinado-endesa
24 Jun 2025

O Consello da Xunta aprobou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e axentes sociais económicos vinculados ao sector industrial e no marco do Plan de actuación integral (PAI) As Pontes-Meirama. Deste xeito, o Goberno galego busca a recualificación profesional, mellorar a empregabilidade e a reinserción ao mercado laboral das persoas traballadoras afectadas polos peches das centrais térmicas das Pontes e Meirama como consecuencia da transición enerxética.

Coas accións que abrangue este convenio prevese chegar a ata 900 persoas -360 con emprego por conta allea ou propia e 540 desempregadas- coas que se desenvolverán os denominados itinerarios de empregabilidade verde, que son aqueles relacionados co ambiente, as enerxías renovables e a eficiencia enerxética. Esta iniciativa está dotada con máis de 1,5 M €, que se distribuirán entre os anos 2025 e 2028 -ambos incluídos- e dos cales o 70 % están cofinanciados pola Unión Europea no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 e o 30 % restante con fondos propios da Xunta.

A vixencia desta colaboración estenderase ata o 15 de decembro de 2028 e abranguerá actuacións realizadas ata o 30 de novembro de 2028. En concreto, os axentes socioeconómicos asinantes e encargados de desenvolver as accións formativas desta colaboración son -UGT-FICA– Industria, Construción e Agro Galicia, CC.OO. de Industria Galicia, a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime) e a Confederación de Empresarios da Coruña (CEC). Trátase de entidades que dispoñen de experiencia en plans de formación e capacitación de persoas traballadoras e desempregadas no ámbito da industria e as súas tecnoloxías asociadas.

Accións do convenio

As accións que se van realizar ao abeiro deste convenio abranguen a acollida e diagnose sociolaboral das persoas beneficiarias, o desenvolvemento de medidas de sensibilización, orientación laboral personalizada e formación profesional a medida co foco nas tecnoloxías verdes, eficiencia enerxética e dixitalización dos procesos clave para a capacitación, mellora das competencias e reciclaxe profesional das persoas beneficiarias.

Ao mesmo tempo, buscarase ofrecer unha formación á carta segundo as necesidades dos sectores produtivos para cualificar a estas persoas en ámbitos con maiores oportunidades de inserción laboral contribuíndo así tamén a cubrir a demanda de man de obra.

Outras tarefas que abrangue esta colaboración son o apoio na procura de emprego ou no establecemento por conta propia, así como o seguimento personalizado das persoas participantes que consigan a reincorporación ao mercado laboral, ben por conta allea ou por conta propia, con titorías en que se verificarán as condicións de emprego. Para o seguimento e coordinación das accións deste convenio crearase unha comisión que estará composta por representantes de cada entidade asinante do convenio e que se reunirá periodicamente.

Colaboracións coma esta concordan coa aposta da Xunta a prol do diálogo social. Co fin de institucionalizalo, o Goberno galego traballa no futuro decreto para establecer a súa composición e funcionamento, reforzándoo como imprescindible para o progreso económico da comunidade. O obxectivo é que sexa un fiel reflexo da realidade laboral tendo en conta as necesidades dos traballadores de todos os sectores.

Outras iniciativas de reinserción laboral impulsadas polo Goberno galego son EmpregaNAV, relacionado industria auxiliar da construción naval, e EmpregAL, vencellado ao sector do aluminio, ambas pertencentes ao Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG).

⚙ Configurar cookies
0.16240501403809