Inaugurada en Lugo unha mostra de olería da Terra Chá
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, inaugurou este martes na Capela de Santa María a exposición Formas tradicionais da cerámica popular: Terra Chá. Bonxe, comisariada por Hixinio Flores Rivas e Orlando Viveiro Veiga. A mostra recolle unha escolma de pezas de cerámica popular realizadas en San Mamede de Bonxe e outras parroquias do Concello de Outeiro de Rei, como Silvarrei, Pape, Constante, Penelas, Francos, O Cantón e Guillar, así como pezas de Lugo, concretamente nos núcleos de Pías, Seivane e Ramil. As pezas, 80 en total, a maioría procedentes de coleccións particulares, amosan diversas tipoloxías e expóñense cunha contextualización informativa e fotográfica, co obxecto de poñer en valor a cerámica popular galega a través do coñecemento, neste caso concreto, da produción realizada na Terra Chá.
Campos Conde subliñou “o compromiso do Goberno da Deputación coa promoción e difusión artesanal da provincia, que tivo un grande impacto no transcorrer da nosa hisotiria, así como na identidade que temos como pobo. Nesta ocasión, trátase dunha mostra única e excepcional de pezas de olería, que son unha importante proba da actividade que se conservou ata hoxe. Esta exposición amosa o inestimable labor a prol da supervivencia do gran patrimonio etnográfico e material identitario do noso territorio”.
“No espazo xeográfico da provincia, existiron historicamente catro centros oleiros produtores de cerámica tradicional: Mondoñedo, Gundivós (Sober), Samos e por último, Bonxe, xunto con outras zonas da Terra Chá, e dende o Executivo provincial é unha satisfacción, á vista do interese suscitado por esta mostra, constatar que os lucenses valoran o traballo que se está levando a cabo para defender e preservar o noso patrimonio cultural, porque saben que a nosa tradición artesanal é un elemento fundamental da identidade da provincia”, destacou.
Paneis informativos e un documental
A mostra complétase con tablóns explicativos nos que se incorporan datos técnicos e científicos novidosos a través de distintos paneis arqueolóxicos, co fin de establecer unha relación entre os materiais atopados nas mámoas prehistóricas e a olería actual; paneis arqueométricos, que presentan o resultado de analíticas realizadas ás pezas tradicionais; paneis etnográficos, que recollen as localizacións de camiños reais e barreiras (canteiras de arxila); ou paneis tomográficos, que recollen radiografías dalgunhas pezas. Tamén hai dispoñible material audiovisual, cun documental de 18 minutos realizado pola TIC no que se rexistran imaxes dos fornos e as barreiras, e no que se poden ver as súas características particulares nos seus espazos naturais.
Inauguración
No acto de inauguración, na Capela de Santa María, participaron tamén a Deputada de Cultura, Pilar García Porto; a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez López xunto co Presidente da Asociación Canaveira, Hixinio Flores Rivas, e os organizadores e colaboradores desta mostra Orlando Viveiro Veiga, Francisco Alonso Toucido e Beatriz Guimarey Fernández.
O CENTRAD da Deputación conta con 4 exposicións permanentes que amosan unha representación da olería da provincia, ademais outra de Pontevedra e Ourense nas que se inclúen paneis informativos de cada unha delas. Son concretamente das zonas de Mondoñedo, Gundivós (Sober), Samos e Bonxe, Buño e Niño de Aguia nas que recollen unha visión das principais pezas que se facían antano neste enclaves.
A exposición poderase visitar dende o día 11 de decembro ata o 10 de febreiro de 2019, en horario de mañá e tarde: de luns a venres, de 10:30 horas a 14:00 horas e de 17:00 horas a 20:00 horas. Os sábados, domingos e festivos, o horario será de 11:00 horas a 14:00 horas e de 16:30 horas a 20:00 horas.