Inaugurado en Mondoñedo o centro de interpretación da imprenta Jesús López Díaz

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, inauguraron o Centro de Interpretación Imprenta Mondoñedo: Jesús López Díaz (Suc.
Chinchiribote teatro Pol 1
17 Sep 2019

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, inauguraron o Centro de Interpretación Imprenta Mondoñedo: Jesús López Díaz (Suc. de Mancebo), unha dotación pioneira pola súa elección temática no ámbito autonómico, na que a Xunta de Galicia mobilizou preto de 330.000 euros entre a rehabilitación da Casa dos Coengos e a musealización do espazo, e que se pon ao dispor da cidadanía para, en palabras de Román Rodríguez, “potenciar o atractivo da vila, promocionando e divulgando un patrimonio propio que transloce a rica actividade cultural da capital mindoniense”.

Román Rodríguez lembrou que “Mondoñedo está vencellado á cultura escrita e, particularmente, á cultura impresa desde moi cedo”, e recordou algunhas das razóns polas que a capital mindoniense resulta un referente, desde o fondo da extraordinaria Biblioteca da Catedral de Mondoñedo, até a proliferación de autores de referencia como Leiras Pulpeiro, Noriega Varela, Álvaro Cunqueiro ou Marina Mayoral, entre outros.

O titular de Cultura incidiu no carácter sociocultural desta nova dotación e destacou que “amplía a oferta tanto para os peregrinos que pasan por aquí seguindo o Camiño do Norte no seu avanzar cara a Compostela, como para os turistas que se acheguen a coñecer esta xoia patrimonial.” Neste sentido, Román Rodríguez recordou que Mondoñedo e a súa Catedral son puntos principais dos Camiños do Norte, incluídos desde 2015 na lista do Patrimonio Mundial da UNESCO e concluíu afirmando que “sempre paga a pena deterse en Mondoñedo e pararse a coñecer as marabillas que nos ofrece esta antiga capital provincial”.

No acto tamén participou o impresor Fernando López González, herdeiro do prelo Sucesores de Mancebo, unha das empresas que, á canda de Gráficas Lucenses e Junor, doaron materiais para facer realidade este centro de interpretación que quere subliñar a importancia de Mondoñedo no desenvolvemento da imprenta e, por extensión, da propia industria editorial moderna en Galicia.

O centro ofrece un discurso expositivo que conxuga rigor e didactismo. En conxunto, ofrécelle ao visitante un relato que vai das orixes, co nacemento da imprenta manual e o desenvolvemento en Galicia, até o desenvolvemento da imprenta mecánica e a importancia de Mondoñedo no renacer impresor que se vive desde mediados do século XIX.

Dentro do proxecto expositivo destacan unha serie de pezas de gran valor para coñecer a historia da imprenta mecánica, desde unha máquina plano cilíndrica de 1870 fabricada en Bélxica e ideada para grandes formatos, até unha Minerva Hispania semiautomática, que permitiu acurtar o tempo de impresión.

Ademais, a mostra inclúe unha excepcional linotipia. Unha tecnoloxía que revolucionou o tempo de composición de páxina dando paso aos anos de esplendor da prensa escrita, entre finais do século XIX e mediados do XX; así como outras pezas auxiliares, como unha guillotina de 150 anos e aínda apta para a súa función, ou dous chibaletes, un tipo de moble parecido a un pupitre e dividido en caixas no que se gardaban os tipos móbiles.

A Casa dos Cóengos forma parte do conxunto catedralicio de Mondoñedo, xunto coa catedral, o pazo episcopal e a horta, configurando unha peza urbana de funcionamento independente dentro do conxunto. É unha edificación do século XIX que se edificou en dúas fases de planta rectangular e tres plantas de altura.

0.15561008453369