Inauguran a oficina de emprego de Vilalba tras a remodelación realizada cun investimento de 756.000 euros

TerraChaXa
As novas instalacións dan servizo tamén á veciñanza de Guitiriz, Cospeito ou Xermade, tras terse atendido en 2025 case 5.600 citas
nova-oficina-emprego-vilalba
18 Jun 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou hoxe a nova oficina de emprego de Vilalba, tras as obras de adecuación executadas en dous locais de titularidade autonómica por máis de 756.000 euros. Alí, enmarcou os traballos que benefician a veciñanza da capital da Terra Chá —pero tamén dos concellos de Guitiriz, Cospeito ou Xermade— no proceso de modernización das infraestruturas do Servizo Público de Emprego de Galicia, para o que se consignou este ano un orzamento de 8 M€ que irán dirixidos tamén aos centros formativos dependentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Na visita —á que tamén asistiron o secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares—, o conselleiro puxo en valor as instalacións renovadas, cunha superficie de case 460 m² útiles e con media ducia de persoas traballadoras na parte do Servizo Público de Emprego de Galicia que atenderon o ano pasado case 5.600 citas. Dentro das melloras do Servizo na provincia de Lugo, engadiu que avanza a adecuación do local que acollerá a oficina de emprego e o Polo de emprendemento de Monforte de Lemos, así como a redacción do proxecto de acondicionamento da nova oficina de Sarria.

Ao abeiro do proceso de modernización en marcha, o titular de Emprego puxo de relevo tamén os 2 M€ consignados neste 2026 para seguir desenvolvendo a ferramenta de intelixencia artificial EMi, entre outras, a través da aplicación móbil que permitirá á cidadanía realizar os seus propios perfilados competenciais. Unha ferramenta que ten propiciado xa uns 106.200 perfilados en toda Galicia, potenciando as oportunidades laborais das persoas beneficiarias. Deles, máis de 13.500 fixéronse na provincia de Lugo.

No campo da formación, González puxo en valor o modelo máis flexible e máis conectado non só coas necesidades das empresas, senón tamén coa realidade económica de cada territorio, a través de instrumentos novidosos como as microcredenciais e das redeseñadas accións formativas para persoas desempregadas ou ocupadas. Tamén o esforzo por pechar o círculo da empregabilidade, priorizando os participantes nas accións formativas autonómicas no programa de incentivos á contratación Galicia Suma Talento: Emprégate, concibido en beneficio dos colectivos prioritarios de inserción.

No relativo á renovación das canles de atención á cidadanía, apuntou que este ano se instalarán en todas as oficinas caixeiros autoservizo para realizar trámites de renovación ou recuperación da demanda de emprego, avanzando cara a un servizo máis eficaz, centrado no asesoramento personalizado e na adaptación ás necesidades reais do mercado laboral.

0.12662386894226