Independentes por Rábade analiza a situación do municipio tras dous anos de Goberno popular

O grupo Independentes por Rábade fixo un balance destes dous primeiros anos de Goberno da popular Remedios González, no que analiza diferentes cuestións de interese para os veciños e veciñas do municipio, facendo especial fincapé na realidade do polígono industrial, a situación da limpeza e recollida de lixo, a falta de control económico no goberno local, a relevancia das actividades culturais ao longo do ano así como dalgunhas actuacións en materia de infraestruturas.
No apartado do polígono industrial, sinalan que continúa paralizado debido á ausencia de conexión coa A-6, á falta de melloras na zona de augas e depuración, así como á presenza de parcelas ocupadas por industrias irregulares. Critican que o goberno local anuncie ampliacións de solo industrial sen resolver previamente os problemas actuais, lembrando que a zona require de novos accesos e dunha mellora das infraestruturas para garantir o seu desenvolvemento e atraer empresas ao municipio, favorecendo así a creación de emprego.
Respecto á limpeza das rúas e a recollida de lixo, denuncian que, malia o elevado custo que supón este servizo para as arcas municipais, o estado das rúas de Rábade é lamentable, con papeleiras en mal estado, contedores deteriorados e lixo en distintas zonas do concello, “o que afecta negativamente á imaxe do pobo”. Reclaman un plan de mellora urxente que garanta unha limpeza adecuada e acorde co que se está pagando.
No ámbito económico, Independentes por Rábade alertan sobre un descontrol económico no goberno local, explicando que cando deixaron a Alcaldía as contas estaban saneadas e con fondos en bancos que ascendían a 1,4 millóns de euros. “En só seis meses, os fondos baixaron sen ter realizada ningunha obra e agora o Concello acumula unhas obrigas pendentes de pago, o que condiciona a situación á aprobación dun plan de axuste que hipotecará economicamente a Rábade nos vindeiros anos”.
Finalmente, no apartado de actividades culturais e festas, o boletín lembra que, durante a campaña electoral, a actual alcaldesa cualificou a actividade cultural de
Rábade como “chabacana” pero que, agora, fronte a esas críticas, “defenden e continúan programando esas festas e eventos organizados no municipio a iniciativa do anterior equipo de Goberno, que contan cunha gran participación veciñal e serven de dinamización social e económica para Rábade”. Destacan a presenza de grandes orquestras, eventos como o Día da Bicicleta, a Churrascada, o Entroido, o teatro, viaxes e outros encontros culturais “que manteñen viva a actividade do pobo e fomentan a convivencia entre veciños e visitantes”. Sobre este caso en particular, critica duramente a programación presentada polo equipo de Goberno para a celebración do centenario, “na que se limitou a improvisar tres meses antes”.
O ex alcalde e agora representante do partido Independente, Francisco Fernández Montes, critica a decisión da alcaldesa de cambiar o proxecto dunha rotonda para que non afecte a uns terreos da súa propiedade persoal.
Segundo explica, existía un acordo con Adif para facer unha rotonda ao final da rúa Xeneral Arce cando esta pase a quedar cortada ao eliminar o paso a nivel que conecta esta vía coa que vai ao cemiterio. Este acordo fíxose ao mesmo tempo que se negociou a construción do paso elevado.
“Cando negociamos cos afectados, sendo eu alcalde, ela negouse a facer a cesión, mentres que os outros veciños si apoiaron a iniciativa e agora o que fixo foi mover a rotonda para o outro lado de forma que non afecte aos seus terreos e si o faga en maior medida aos veciños do outro lado”, explica Montes.
Tamén en materia de infraestruturas, lembran á veciñanza que a avenida de Vilalba é de titularidade da Xunta e que é esta a que ten a obriga de amañala polo que acusa ao Concello de “tomarnos o pelo vendéndonos unha subvención para facer a obra” e la que Rábade debe aportar el 30 %.
Acusa tamén á alcaldesa de realizar varias “cacicadas” como a limpeza de fincas particulares, o peche de camiños públicos e o asfaltado da entrada da casa familiar.
Independentes por Rábade conclúe o seu boletín destacando que todas estas cuestións deben ser abordadas con responsabilidade, xestión rigorosa e planificación a longo prazo, co obxectivo de mellorar a calidade de vida no municipio e garantir un futuro sostible para todos os seus habitantes.