Indoor Vilalba organiza un campus de verán para nenos e nenas de 7 a 16 anos durante xullo e agosto

TerraChaXa
O campus desenvolverase en catro quendas diferentes e os participantes estarán distribuídos por idades e niveis para adaptar as actividades ás características de cada grupo
campamento-de-veran-indoor-vilalba
12 Jun 2026

As instalacións de Indoor Vilalba acollerán durante os meses de xullo e agosto unha nova edición do seu Campus de Verán 2026, unha proposta dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 16 anos que combinará deporte, lecer e convivencia durante as vacacións estivais.

O campus desenvolverase en catro quendas diferentes. As dúas primeiras terán lugar do 6 ao 10 de xullo e do 13 ao 17 de xullo, mentres que as dúas restantes celebraranse do 17 ao 21 de agosto e do 24 ao 28 de agosto. Todas as actividades realizaranse en horario de mañá, entre as 9.30 e as 14.00 horas.

A organización informa de que os participantes estarán distribuídos por idades e niveis para adaptar as actividades ás características de cada grupo. O programa inclúe sesións de pádel, xogos e diferentes disciplinas multideportivas, co obxectivo de fomentar a práctica deportiva e os hábitos saudables nun ambiente lúdico.

As persoas inscritas recibirán ademais unha camiseta e unha mochila do campus. A organización destaca tamén valores como o compañeirismo e a diversión como parte fundamental da experiencia, ofrecendo igualmente a posibilidade de contratar servizo de comida de forma opcional.

Indoor Vilalba contempla descontos para o alumnado da escola deportiva, cunha redución do 20 %, así como bonificacións do 10 % para irmáns e familiares participantes.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 1 de xullo. As persoas interesadas poden solicitar máis información sobre prezos, descontos e proceso de matrícula a través do teléfono facilitado pola organización.

Con esta iniciativa, Indoor Vilalba busca ofrecer unha alternativa de ocio activo durante o verán, promovendo a práctica deportiva e a socialización entre os máis novos da comarca.

0.11608195304871