Industrias electrointensivas e Xunta demandan ao Goberno unha rebaixa da factura eléctrica

TerraChaXa | AMariñaXa
Industrias electrointensivas e Xunta demandan ao Goberno unha rebaixa da factura eléctrica
23 Dec 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro con representantes das principais industrias electrointensivas galegas no que se demandou ao Goberno medidas de apoio que xa se aplican noutros países europeos para rebaixar o prezo da factura eléctrica e competir así en igualdade de condicións. Ademais, apuntou que o novo estatuto achega máis obrigas que beneficios para as empresas.

Así, Conde explicou que “lamentablemente estamos na situación de partida, cun estatuto que non achega solucións e que tampouco achega certezas con respecto ao prezo eléctrico de cara a futuro”. Por iso, subliñou que se está “poñendo en risco a viabilidade e a continuidade da industria electrointensiva en Galicia”, e polo tanto, pediulle ao Goberno “que reaccione e que sobre todo se poidan implementar medidas concretas que garantan esa estabilidade e a competitividade”.

O vicepresidente económico explicou que nestes momentos en España as empresas están pagando 20 euros máis por MW que calquera competidor a nivel europeo, como en Francia ou en Alemaña. Para equiparar o prezo da enerxía en España ao dos seus competidores europeos, Conde demandou “que se poidan aplicar o 100% das compensacións por CO2, tal e como permite a Comisión Europea, xa que só se está aplicando nestes momentos o 20%”.

En segundo lugar, pediu o establecemento dun sistema de poxas de interrompebilidade dirixidoás empresas electrointensivas, e que estas contemplen a figura do consumidor hiperelectrointensivo, lembrando que nestes momentos noutros países europeos estanse tamén establecendo estas poxas de interrompebilidade. 

Tamén se solicita desde Galicia que se poidan eximir as peaxes de transporte, tal e como se está aplicando en Francia ou Noruega, e en cuarto lugar, que se reduza a fiscalilidade cunha exención do imposto de xeración eléctrica sobre as empresas electrointensivas.

Segundo remarcou o vicepresidente económico da Xunta, “estamos ante un estatuto que establece máis obrigas que beneficios”, pois o beneficio que teñen as empresas con este novo marco é de só 50 céntimos. Conde, que denunciou que se está universalizando o estatuto en lugar de dar resposta ás empresas hiperelectrointensivas, demandou unha reacción por parte do Goberno para que “a situación tan difícil que se está pasando en moitos sectores non se faga extensible cara a esta industria”.

0.18807101249695