Informan aos empresarios das Pontes das novas axudas para mellora de parques empesariais

TerraChaXa
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, mantivo esta mañá unha reunión coa directiva da asociación empresarios Seara, encabezada polo seu presidente José Castro, á que informou da nova convocatoria de axudas para a mellora de infraestruturas dos parques empresariais galegos, á que a Xunta destina un total de 2,1 millóns de euros.
13 Xan 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, mantivo esta mañá unha reunión coa directiva da asociación empresarios Seara, encabezada polo seu presidente José Castro, á que informou da nova convocatoria de axudas para a mellora de infraestruturas dos parques empresariais galegos, á que a Xunta destina un total de 2,1 millóns de euros.

“Esta liña ten como obxectivo dar resposta ás novas necesidades que teñen estas instalacións co fin de modernizalas e ofrecer un mellor servizo para favorecer a fixación e implantación de compañías, así como promover o emprego local”, indicou Martina Aneiros.

A delegada territorial, que tamén estivo acompañada de representantes municipais, lembrou que no 2022 esta convocatoria mobilizou nas comarcas de Ferrol e Eume un total de 127.400 euros. Concretamente beneficiáronse das mesmas os Concellos de Fene, que percibiu unha axuda de 100.400 euros para a mellora dos accesos ao parque empresarial de Vilar do Colo, e o de As Pontes, que recibiu 14.450 euros para a instalación de sistemas CCTV no polígono de Penapurreira. En total, o importe das axudas ascendeu a 114.850 euros.

Os apoios, son de concorrencia competitiva e están dirixidos aos concellos galegos que queiran realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.

As axudas teñen unha intensidade do 80% ata un límite máximo de 120.000 euros no caso de solicitudes individuais e de 138.000 no caso de que sexan conxuntas. Prevense, ademais, anticipos de ata o 25% da axuda concedida. Na selección de proxectos teranse en conta criterios como se é Concello Emprendedor.

“Esta liña contribúe a apoiar aos concellos galegos e pretende ser un impulso para a captación de investimentos en Galicia”, sinalou Aneiros. Nese sentido, esta convocatoria “encaixa nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para achegar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como esta”, engadiu.

O prazo para solicitar as axudas para a mellora de infraestruturas en parques empresariais galegos abriu o pasado 3 de xaneiro e se manterá durante un mes.

0.22252511978149