Inspección de Traballo aprecia responsabilidade da empresa no accidente mortal da A-8

TerraChaXa
CC. OO. reclama responsabilidades polo sinistro de Guitiriz, o cumprimento inmediato dos requirimentos e a revisión dos procedementos de conservación en estradas abertas ao tráfico
autovia-a-8-guitiriz
24 Nov 2026

CCOO do Hábitat Galicia considera de especial gravidade as conclusións recollidas no oficio da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Lugo, datado o 3 de novembro de 2026, en resposta á denuncia interposta por esta federación sobre o accidente laboral do 30 de xaneiro na autovía A-8, á altura de Pígara, no concello de Guitiriz, no que faleceron dous traballadores de Matinsa e outros dous resultaron feridos.

Segundo a investigación inspectora, os traballadores superviventes declararon que estaban reparando fochancas no carril dereito en sentido Asturias. O informe recolle que non se detivo o tráfico nin se empregou sinalización de corte de carril ou de limitación de velocidade.

A Inspección considera que a causa máis relevante que contribuíu ao accidente foi non seguir un procedemento de traballo seguro coa sinalización de obra móbil adecuada e necesaria. O oficio tamén subliña que a protección debía manterse durante toda a permanencia das persoas traballadoras na autovía, incluído o momento de recollida de ferramentas. A empresa tiña identificado previamente o risco de atropelo na súa documentación preventiva, polo que non se trataba dun perigo descoñecido.

A inspectora aprecia responsabilidade da empresa por non seguir un procedemento axeitado nin aplicar as medidas preventivas necesarias. Ademais, constata feitos constitutivos de infracción en materia de prevención de riscos laborais e require a Matinsa a adopción inmediata de medidas: revisar os procedementos de traballo, avaliar os riscos de todas as fases, garantir que o persoal coñeza as medidas de seguridade e establecer unha comunicación interna para situacións inseguras e risco grave e inminente.

Para CCOO, o documento evidencia que a prevención non pode quedar nun papel nin verse reducida por tratarse dunha reparación puntual ou urxente. Unha intervención pequena pode ter consecuencias irreparables se non se protexe adecuadamente ao persoal fronte á circulación.

A organización sindical solicitará á Inspección o seguimento do requirimento e información sobre as actuacións sancionadoras que procedan. Tamén reclamará á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia información sobre os procedementos de coordinación e os medios previstos para as intervencións urxentes. Por último, trasladará as conclusións inspectoras á Fiscalía para que valore as actuacións que correspondan, sen prexulgar responsabilidades penais.

CCOO Hábitat Galicia esixe que se garanta a seguridade real de todos os equipos de conservación, desde a preparación e sinalización dos traballos ata a retirada definitiva da vía. A vida das persoas traballadoras non pode depender da improvisación nin da presión por restablecer o tráfico.

A organización traslada novamente o seu respecto ás familias dos traballadores falecidos e aos seus compañeiros feridos, e comprométese a seguir impulsando as actuacións necesarias para evitar que unha traxedia semellante volva repetirse.

0.1185290813446