Instalan no CEIP Mato Vizoso de Vilalba dúas canastras con sistema de elevación automático

TerraChaXa
A actuación, cun investimento de 18.000 euros financiado pola Deputación de Lugo, compleméntase coa recente renovación integral da pista e da iluminación do pavillón
canastras-vilalba
31 Oct 2025

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, visitaron as obras recentemente executadas no pavillón do CEIP Manuel Mato Vizoso, onde o Concello de Vilalba vén de instalar un xogo de dúas canastras con sistema de elevación automático.

Trátase dunha actuación cun investimento total de 18.000 euros, financiada con cargo ao acordo impulsado dende a Alcaldía coa Deputación de Lugo, mediante o cal o ente provincial achegará 260.000 euros ao Concello de Vilalba para acometer diferentes melloras en espazos públicos do municipio.

A instalación destas novas canastras permitirá ampliar as posibilidades deportivas do pavillón, que agora poderá acoller tanto partidos e adestramentos de baloncesto como de minibasket, ofrecendo unhas condicións óptimas tanto para o alumnado do centro como para os clubs deportivos locais.

Segundo explicou a alcaldesa, Marta Rouco, “esta actuación permite mellorar as instalacións deportivas municipais e descentralizar o seu uso, ofrecendo máis espazos para os clubs locais. O noso obxectivo é que Vilalba conte con infraestruturas modernas, seguras e ben equipadas, que dean resposta ás necesidades da veciñanza e favorezan a práctica deportiva en todas as idades”.

Rouco destacou ademais que “o deporte é unha prioridade para este goberno, porque sabemos que é tamén saúde, convivencia e educación. Por iso seguimos investindo en instalacións que melloran o día a día de todos os vilalbeses e vilalbesas”.

Esta actuación súmase á recente renovación integral da pista do pavillón, executada cun orzamento de 77.420 euros con cargo á anualidade 2024 do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo. Dentro desa intervención tamén se realizou a substitución completa da iluminación da pista, coa instalación de 21 novos focos LED que incrementan nun 45% o grao de iluminación e reducen á metade o consumo eléctrico.

Con estas melloras, o goberno local reafirma o seu firme compromiso co deporte e coa mellora das instalacións municipais, apostando por infraestruturas modernas, eficientes e accesibles que repercutan directamente no benestar dos veciños e veciñas e, neste caso, na comunidade educativa e no tecido deportivo vilalbés.

⚙ Configurar cookies
0.075721025466919