Instalarán un decantador de auga na estación de tratamento de auga potable de Rábade
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Rábade, Remedios González, mantiveron recentemente unha reunión na que avaliaron o proxecto para instalar un decantador de auga na estación de tratamento de auga potable (ETAP) da localidade. Nesa liña, a alcaldesa trasladoulle á conselleira a memoria valorada deste proxecto municipal, que será avaliada por Augas de Galicia de cara a establecer posibles vías de colaboración entre as dúas administracións.
A maiores, tamén analizaron a posibilidade de cooperar para levar a cabo as obras necesarias para mellorar o servizo de saneamento á contorna da avenida de Vilalba. A conselleira aseguroulle á alcaldesa que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza.