Pechado xa o programa para a Tasca do Liño de Insua
A parroquia vilalbesa de Insua acollerá o sábado 27 de octubro a IX edición da Tasca do Liño, festividade que este ano celebra tamén o décimo aniversario da recuperación do cultivo tradicional do liño, sendo as veciñas de Insua as pioneiras na provincia de Lugo.
A xornada centrase polo tanto no traballo desenvolvido nestes dez anos con demostracións do que sería unha antiga tasca do liño, actuacións musicais, artesanía en vivo, sorteos, concursos, etc.
Comezará a xornada sobre as 11:00 horas co pregón, que este ano estará a cargo do poeta e músico Mero. A continuación, haberá unha mesa coloquio na que estarán presentes o alcalde, Mario Outeiro e outros compoñentes da Asociación. Nela falarase da traxectoria e o traballo desenvolvido pola asociación.
Haberá tamén entrega de premios do certame de debuxo sobre o liño que xa está aberto e demostración do que eran as antigas Tascas do liño. A todo isto haberá que sumar a actuación musical de Tino Baz.
Pola tarde haberá a actuación dun grupo de música tradicional Mondrum dentro do programa Musiqueando da Deputación, outra demostración da Tasca do liño, e unha actuación a cargo dos Minhotos, para despois rematar co monologuista David Perdomo. Concluirán a festividade cunha queimada popular.
Durante o día estará dispoñible a visita a unha exposición na Casa Escola de Insua que recolle fotografías dos dez anos de traballo do liño, así coma outras de tascas antigas que aporta o IESCHA.