Investirán en melloras no centro de maiores de Cospeito

TerraChaXa
A Xunta investirá 31.500 euros en diversas obras de mellora do centro de día para persoas maiores de Cospeito, pertencente á rede autonómica.
visita centro de dia cospeito
30 Abr 2021

A Xunta de Galicia investirá 31.500 euros en diversas obras de mellora do centro de día para persoas maiores de Cospeito, pertencente á rede pública autonómica. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, anunciou esta actuación durante unha visita ás instalacións na que estivo acompañado do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, e do alcalde do municipio lucense, Armando Castosa.

Perfecto Rodríguez enmarcou esta intervención no compromiso da Xunta para manter en condicións óptimas este centro, con máis de once anos de antigüidade, ao tempo que explicou que esta se axusta ás necesidades comunicadas polo propio Concello. Neste sentido, explicou que estas obras son unha mostra máis da aberta e permanente colaboración da Administración autonómica coas entidades locais co fin de que as galegas e galegos teñan uns servizos de calidade e dispoñan das mellores infraestruturas.

Os traballos, que executará o Concello e financiará o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar mediante a compensación das liquidacións que corresponden por este servizo público, mellorarán tanto as condicións de illamento e impermeabilidade do inmoble como o benestar dos seus usuarios.

Iluminación, pintura e limpeza

En concreto, eliminaranse as humidades e filtracións detectadas en varios espazos do centro, como no ascensor, nas escaleiras e nas terrazas. Así mesmo, substituirase a iluminación da sala de estar e do comedor da planta baixa; e na primeira planta colocarase tarima e rodapés novos, e ademais pintaranse as zonas de actuación. Por último, procederase á limpeza das fachadas e terrazas do edificio.

O centro de día de Cospeito conta con capacidade para atender a 40 maiores. Na actualidade ten 28 persoas usuarias procedentes tanto deste concello como doutros da contorna.

0.21020793914795