Invisten na mellora dun treito da estrada LU-861 ao seu paso por Vilalba e Xermade
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou hoxe obras de rehabilitación do firme nun treito da estrada autonómica LU-861 ao seu paso polos concellos de Vilalba e Xermade.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou a execución dos traballos á altura do lugar do Carrizo (Vilalba), onde explicou que se destinan 56.200 euros a esta actuación co fin de mellorar aquelas partes da calzada que o precisan entre os puntos quilométricos 4+00 e 11+00.
Arias explicou que as obras consisten na limpeza previa do firme, a realización de reparacións localizadas do pavimento con formigón bituminoso e a reposición da sinalización horizontal nos treitos afectados.
Para garantir a seguridade dos usuarios mentres duren as obras, habilítanse carrís alternativos de circulación e sinalización provisional de desvíos cando sexa necesario ante posibles interrupcións do tráfico.
A estrada LU-861 conecta Vilalba con Igrexafeita, onde enlaza coa AG-64 (autovía Ferrol-Vilalba). As actuacións desenvólvense a través do contrato de conservación das estradas da zona norte da provincia de Lugo, co que se garante o bo estado da rede viaria de titularidade autonómica.