Iria Castro asegura que a Xunta impide a limpeza da contorna da Torre de Caldaloba

TerraChaXa
A Xunta de Galiza impide que se realicen tarefas de limpeza e estudo na contorna da Torre de Caldaloba, recuperada para o patrimonio público pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
26 Apr 2024

A Xunta de Galiza impide que se realicen tarefas de limpeza e estudo na contorna da Torre de Caldaloba, recuperada para o patrimonio público pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Co obxectivo de avanzar na súa conservación e posta en valor, a área de Cultura encargou un proxecto de intervención arqueolóxica na contorna da Torre. Trátase dunha actuación que inclúe o desbroce de parte do xacemento, o desenvolvemento de seis sondaxes arqueolóxicas valorativas e a colocación dunha protección no pozo situado a carón da fortaleza. A Xunta de Galiza recibiu o 5 de decembro de 2023 a solicitude para realizar a intervención, que, case seis meses despois, non respondeu.

A deputada de Cultura Iria Castro explicou que “ a Dirección Xeral de Patrimonio requiriu documentación, que foi achegada, pero non respondeu á solicitude, como xa fixo con outras actuacións proxectadas desde a Vicepresidencia da Deputación” e criticou que “a Xunta de Galiza empregue os procedementos administrativos, dispostos para a protección dos bens patrimoniais, para impedir o seu mantemento e conservación”

Neste sentido, a responsable provincial lembrou que a Consellería de Cultura se escudou tamén no silencio administrativo para impedir os traballos de consolidación e estabilización da Torre proxectados o ano pasado pola Vicepresidencia da Deputación.

Aquela intervención recollía diferentes actuacións sobre as fachadas Noroeste e Suroeste da Torre do antigo castelo de Vilaxoán. Os traballos previstos consistían na limpeza de vexetación nas dúas fachadas e na coroación dos muros de cachotería mediante a retirada manual de plantas e raíces. Tamén se contemplaba a substitución e reparación dos elementos de cimbra de madeira do interior da Torre, e a recolocación ou substitución da cuberta de chumbo instalada en 1998 e na inxección de morteiro de cal sobre muros e fábricas de ser necesario.

A solicitude, rexistrada o 23 de febreiro de 2023, nunca tivo resposta por parte da administración autonómica, que impediu así o desenvolvemento dos traballos.

Dereito de retracto

Os obstáculos aos traballos de posta en valor da Torre, sucédense desde que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo adquirira unha das parcelas nas que se sitúa a Torre, posibilitando a recuperación para o patrimonio público deste BIC. A parcela adquirida ten unha superficie de preto de 2 hectáreas de terreo que inclúen a metade da edificación -53 metros cadrados de planta e as fachadas noroeste e suroeste- e o sistema de fosos e contrafosos defensivos do perímetro da edificación,

A institución provincial adquiriuna a través dun acordo de Xunta de Goberno tomado o 29 de xullo de 2022 e ratificado coa inscrición da compra e venda en documento público o 21 de outubro de 2022. A Xunta de Galiza anunciou naquela data que exercería o dereito de retracto que lle outorga a Lei de Patrimonio Cultural de Galiza e iniciou o trámite pero, un ano e medio despois, segue sen concretalo.

0.16712784767151