Irimia reclama axilizar o Plan de Inundabilidade para desbloquear o PXOM de Cospeito

O concelleiro non adscrito de Cospeito, Daniel Irimia, levou ao Pleno Ordinario celebrado hoxe unha moción na que reclama á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) que impulse e axilice a elaboración do Plan de Inundabilidade necesario para completar a documentación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e poder avanzar na súa tramitación.
Na exposición da moción, Irimia lembra que o Concello de Cospeito solicitou o informe da CHMS sobre o PXOM o 10 de xaneiro de 2020. O 24 de febreiro dese mesmo ano, a Confederación formulou un requirimento no que sinalaba diversas cuestións relativas á dispoñibilidade de recursos hídricos, saneamento, dominio público hidráulico e inundabilidade. Neste último ámbito, o organismo advertiu de afeccións de diferentes ámbitos previstos no PXOM ás zonas de fluxo preferente e ás zonas correspondentes á avenida cun período de retorno de 500 anos.
A CHMS tamén considerou insuficiente o estudo incorporado á documentación municipal sobre o risco de inundación e requiriu a realización de estudos hidrolóxico-hidráulicos nos tramos de cauces afectados. Segundo recolle a moción, aquel requirimento non foi atendido polo anterior equipo redactor e, o 11 de novembro de 2020, a Confederación comunicou un informe desfavorable e o peche do expediente.
As deficiencias detectadas na documentación e a falta de avance na resolución das alegacións e na corrección das cuestións sinaladas polos informes sectoriais levaron posteriormente á resolución do contrato co anterior equipo redactor, en febreiro de 2021, e á contratación dun novo equipo para adaptar e finalizar o PXOM.
Segundo a información trasladada polo Concello, na actualidade estarían en curso os traballos relativos á inundabilidade solicitados á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Irimia sinalou na súa moción que transcorreron xa máis de seis anos e medio desde a aprobación inicial do PXOM e defendeu a necesidade de coñecer o estado dos traballos e unha previsión para a súa finalización.
A proposta presentada polo concelleiro incluía solicitar á CHMS que impulsase e axilizase a elaboración do Plan de Inundabilidade e dos estudos hidrolóxico-hidráulicos correspondentes, pedir información sobre os traballos realizados e pendentes e, se fose posible, unha previsión temporal para a súa conclusión. Tamén propoñía que o Concello incorporase ao PXOM as determinacións resultantes dos estudos unha vez recibida a documentación e impulsase os trámites necesarios para continuar coa súa aprobación definitiva.
Durante o debate, segundo explica Irimia, tanto o grupo do PP como o do PSOE consideraron inicialmente razoable a proposta. O PSOE manifestou inicialmente a súa intención de votar a favor, mentres que posteriormente o PP anunciou o voto en contra tras indicar que contactara ese mesmo día coa CHMS e que o organismo lle trasladara que o Plan de Inundabilidade xa estaría realizado e que a súa entrega se produciría en outubro. Finalmente, o PSOE optou pola abstención.
Irimia cuestionou durante o Pleno que se producisen xestións coa CHMS despois da presentación da súa moción e considerou que esta actuación desvirtúa, ao seu xuízo, o labor da oposición. Tras o resultado da votación, o concelleiro sinalou que, na súa opinión, non se debe contar coa obtención do Plan no presente ano, pese a que a súa moción pretendía precisamente solicitar que se axilizase.
O PXOM é, segundo Irimia, unha das catro cuestións que considera fundamentais para o municipio, xunto coa pavimentación das vías, a auga da traída e o Polígono Industrial.
No Pleno, o concelleiro tamén formulou preguntas sobre outras actuacións municipais. Unha delas estaba relacionada coa zona cuberta prevista no CPI Virxe do Monte para ofrecer ao alumnado un espazo exterior protexido da choiva. Irimia preguntou polos motivos polos que a actuación non se executou, a súa situación actual, as previsións existentes e as posibles xestións realizadas polo Concello ante a Consellería de Educación.
Segundo o resultado exposto polo propio concelleiro tras a sesión, a zona cuberta finalmente non se executará. Irimia aproveitou este punto para cuestionar as prioridades do goberno municipal e contrapuxo esta decisión a outras actuacións e proxectos que menciona, como o Museo da Auga, as fervenzas ou as pistas de pádel.
A segunda cuestión formulada estivo relacionada con dúas obras da Feira do Monte actualmente en licitación e cos cambios experimentados nos seus orzamentos. No caso das obras de mellora do recinto feiral, o proxecto inicial contaba cun orzamento de contrata de 35.661,82 euros, pero a licitación quedou deserta. O expediente sinalaba que os prezos non estaban adaptados aos prezos reais de mercado. Posteriormente, o proxecto foi modificado e o orzamento elevouse ata os 45.596,85 euros.
Irimia tamén preguntou polas obras previstas no Centro de Día Vila de Valverde para solucionar problemas de entrada de auga e humidades. O proxecto inicialmente aprobado ascendía a 36.693,25 euros e foi substituído ao día seguinte por outro cun importe de 39.597,25 euros. O concelleiro pediu explicacións sobre as actuacións ou modificacións incorporadas ao novo proxecto que xustificasen o incremento de 2.904 euros.