Isabel Rodriguez afirma que os fondos para a residencia de maiores en Riotorto proceden do Goberno

TerraChaXa | AMariñaXa
A subdelegada do Goberno en Lugo responde ao anuncio realizado polo xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Xefe Territorial da Xunta en Lugo
Plano-residencia-maiores-riotorto-2024
Proxecto da residencia
6 Xuño 2024

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, afirmou esta mañá que o financiamento para a construción dunha nova residencia para persoas maiores no concello de Riotorto procede do Goberno. Así o asegurou en resposta ao anunciado pola Xunta de Galicia, concretamente polo xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Xefe Territorial da Xunta en Lugo.

“Queremos aclarar que non están a dicir a verdade”, explicou a subdelegada, lamentando “que intenten ocultar unha vez máis a procedencia dos fondos nos seus anuncios, atribuíndose en exclusiva a posibilidade de construír esta nova instalación”.

Ademais, aludiu á falta de “lealdade institucional para trasladar a información correcta, pois o financiamento procede do Goberno mediante un plan acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias. Esa é a realidade que pretenden agochar”, sentenciou.

Finalmente, lembrou que “a creación desta residencia é competencia da Xunta”, posto que “aínda que celebramos que se decidiran a creala nalgún dos lugares que levan anos demandándoa, resulta chamativo que cumpran coas súas obrigas a través de fondos transferidos do Goberno, e aínda encima, traten de ocultalo”.

0.20022988319397