Isma impón o seu dominio no XIX Aberto de Billarda Vila de Ribadeo

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
O xogador dos Carabullo gañou a segunda xornada da LNB NorLeste con 24 puntos, mentres que Billardeiros Musicais se impuxo na clasificación por equipos
billardeiros-musicais
21 Oct 2026

Ribadeo acolleu o domingo 18 de outubro a segunda xornada da LNB NorLeste, enmarcada no XIX Aberto de Billarda «Vila de Ribadeo», celebrado no campo de fútbol de Outeiro. Malia as previsións meteorolóxicas pouco favorables, a xornada desenvolveuse baixo un tempo soleado, cun pequeno barruzo antes do comezo que serviu de benvida ás persoas participantes.

Na categoría individual, Isma, dos Carabullo, foi o gran protagonista ao facerse coa vitoria tras sumar 24 puntos. Markytos e Morás remataron empatados con 23 puntos e tiveron que disputar un desempate para decidir os postos de honra. Nunha loita moi igualada, desfixéronse de Félix e Charli para ocupar o segundo e o terceiro posto, respectivamente.

Na categoría feminina, Vanesa, do Castiñeiro Milenario, e Geni, de Billardeiros Musicais, compartiron o primeiro posto, mentres que Aroa, tamén de Billardeiros Musicais, completou o podio.

A categoría infantil tivo como vencedores os «troitiñas» Mateo e Martín, ambos de Troitas Bravas. Laura, de Rachaventos, acadou a terceira posición.

Na competición por equipos, Billardeiros Musicais, de Ribadeo, conseguiu a vitoria con 86 puntos. Troitas Bravas, da Pontenova, foi segundo con 76 puntos, seguido de Madia Leva, de Lugo, que sumou 75.

A clasificación xeral individual sitúa a Markytos, de Billardeiros Musicais, no primeiro posto con 46 puntos, seguido moi de preto polo seu compañeiro Félix, con 45. Mateu, de Madia Leva, ocupa a terceira posición con 40 puntos.

Na clasificación feminina, Cris, de Castiñeiro Milenario, encabeza a táboa con 23 puntos. Fina, de Billardeiros Musicais, é segunda con 20, mentres que Geni, tamén de Billardeiros Musicais, ocupa o terceiro posto con 19 puntos.

Por equipos, Billardeiros Musicais mantén o liderado con 172 puntos, seguido de Troitas Bravas, con 161, e Madia Leva, con 160, nunha clasificación moi apertada entre os tres primeiros conxuntos.

Na categoría infantil, Mateo, de Troitas Bravas, lidera a clasificación con 39 puntos. O seu compañeiro Martín suma 19, os mesmos que Mateo Lesmes, de Madia Leva, que ocupa o terceiro posto.

A xornada rematou cunha entrega de premios acompañada duns petiscos, nun ambiente de convivencia entre os participantes e afeccionados á billarda.

A competición continuará o vindeiro domingo, 25 de outubro, cunha nova xornada en Castropol, Asturias. A LNB NorLeste prosegue así o seu calendario nunha tempada na que os xogadores e equipos buscan consolidarse nas primeiras posicións. Billarda sempre e adiante co Varal!

0.14489912986755