Itinerario a través da Pastoriza

TerraChaXa
Combina dúas rutas a pé e visitas a museos con percorridos en localidades como Baltar, Bretoña e a propia capitalidade
Ruta Pastoriza augas Fonmiña
29 sep 2024

Para coñecer o patrimonio cultural e natural da Pastoriza habería que optar por facer unha combinación entre o sendeirismo e o desprazamento en coche.

Para comezar a mellor opción é facelo por un dos puntos emblemáticos do concello, a lagoa que nutre ao río Miño, situada na parte sur e moi preto do nacemento oficial do río, o Pedregal de Irimia.

De aí parte unha ruta, a das augas de Fonmiñá, que pasa a carón do Castro de Saa e chega á praia fluvial de Baltar. Ten unha lonxitude de case trece quilómetros que se realiza en aproximadamente tres horas e vinte minutos. Nas inmediacións da lagoa podemos atopar un conxunto escultórico dedicado ao deus Breogán realizado en 1969 por Magín Picallo e Manuel Mallo. Tamén, de recente construción é o Centro de Interpretación do Miño, que comezou a recibir visitas os días alternos.

Entre as visitas máis destacadas desta ruta está o Castro de Saa, un asentamento correspondente á Idade de Ferro no que se sigue a traballar para sacalo de novo á superficie e que se compón de tres murallas defensivas, cos seus respectivos fosos, un antecastro e a croa.

Dende esta situación teremos unha panorámica da contorna de 360 graos. Está xa na parroquia de Baltar, onde tamén se pode visitar unha cova ao lado do Miño, unha área recreativa e facer un paseo ata os muíños de Anllo. Conta a lenda que no túnel que levaba a auga ata eses muíños estiveron escondidos moitos republicanos durante a Guerra Civil.

Se queremos seguir indagando no pasado arqueolóxico da localidade, cómpre unha visita a Bretoña, onde está situado o Centro de Interpretación e no que se atopan moitos dos achados do castro. Tamén se pode coñecer de primeira man todo o pasado desta localidade edificada sobre un antigo castro e a súa vinculación cos bretóns.

Si se pasea por Bretoña non se pode un esquecer de coñecer a igrexa. Trátase dunha edificación de tres naves e ten moitas inscricións, unha delas é do século IX e fai referencia á consagración do antigo templo en honra de Santa María Nai da Paz. Imprescindible tamén coñecer o paseo fluvial, onde se pode seguir camiñando nun percorrido fácil e de gran beleza.

É precisamente nese paseo onde comeza a outra gran ruta da Pastoriza, a Ruta de Maeloc, de arredor de 15 quilómetros. Iníciase xusto ao lado da carballeira onde se celebraban as festas de Lugnasad. Pódese desfrutar da natureza e de tres muíños perfectamente restaurados. O percorrido pasa pola pista de eólicos ata Pena Gallada, punto xeodésico de Carracedo e unha magnífica panorámica con Foz ao fondo sempre e cando a meteoroloxía o permita e o día sexa claro. Ao oeste vense gran parte das montañas da Fonsagrada ata Os Ancares e conta cun miradoiro excepcional. Pasa tamén por Campo do Oso, onde se celebra a Rapa das Bestas.

Na capitalidade convén un paseo para ver a súa emblemática casa do concello, dar un paseo polas súas rúas, que contan con sorpresas agochadas e tamén pola área recreativa do Acebreiro.

Para os afeccionados ao motor, a Pastoriza conta cun dos poucos circuítos existentes en Galicia, con competicións reguladas e oficiais.

0.14472985267639