Iván Pena, subcampión do mundo na Sopela Kosta Fest

GaliciaXa | TerraChaXa | FerrolXa
O deportista do Club Náutico Folixa logra a segunda posición na categoría Master HP e recibe tamén o premio á mellor caída do campionato
ivan-pena-surf-as-pontes
23 Sep 2026

O deportista pontés Iván Pena, integrante do Club Náutico Folixa, asinou unha destacada actuación na Sopela Kosta Fest – World Cup, disputada esta pasada fin de semana na praia de La Salvaje, en Sopela, onde se proclamou subcampión na categoría Master HP.

A competición, organizada pola World Surf Kayak Association (WSKA) e a Federación Vasca de Piragüismo (FVP), estivo condicionada por unhas difíciles condicións marítimas, especialmente durante a xornada do sábado. A forte ondada puxo a proba aos participantes, que tiveron que afrontar un escenario especialmente esixente.

As condicións melloraron o domingo, permitindo disputar unhas finais nas que Iván Pena conseguiu a segunda posición cunha puntuación de 10,07 puntos. O deportista do Club Náutico Folixa quedou só por detrás do inglés James Hawker, completando así unha actuación que lle permitiu subir ao segundo chanzo do podio.

A súa participación na proba deixou ademais outro momento destacado. Pena foi distinguido co premio Best Wipeout, que recoñece a caída máis espectacular do campionato, despois de protagonizar un dos impactos máis chamativos durante as difíciles condicións de mar da competición.

O resultado supón un novo éxito para Iván Pena e para o Club Náutico Folixa, así como un motivo de orgullo para As Pontes. O deportista continúa levando o nome do municipio e do club ás competicións internacionais e consolidando a presenza pontesa neste tipo de disciplinas deportivas.

O Club Náutico Folixa está a vivir unha tempada especialmente intensa, con participación en diferentes competicións internacionais de Waveski, barco dragón e kayak surf. Os resultados acadados permiten poñer en valor o traballo e a preparación dos seus deportistas e a súa presenza en probas de alto nivel.

A actividade competitiva continuará nas próximas semanas. O seguinte reto será o IV Festival Anochecer de Barco Dragón, que se celebrará o 3 de outubro en Trasona, Asturias. Posteriormente, Iván Pena desprazarase a Italia para participar no Campionato do Mundo de Paddle Surf da ICF, no que competirá na modalidade Sprint Máster.

Con este novo resultado, o deportista pontés suma unha nova experiencia internacional á súa traxectoria e mantén ao Club Náutico Folixa e a As Pontes presentes no calendario das grandes competicións destas modalidades.

0.16434097290039