Jesús Pernas celebra en Goiriz o seu 104 aniversario acompañado da súa familia e do Concello de Vilalba

O veciño de Goiriz Jesús Pernas celebrou o seu 104 aniversario acompañado da súa familia e cunha visita institucional do Concello de Vilalba. A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira Paula Vigo desprazáronse ata a súa casa para trasladarlle persoalmente os parabéns nesta data tan especial.
Durante o encontro, as representantes municipais tiveron a oportunidade de compartir unha conversa co homenaxeado e comprobar que continúa mantendo a vitalidade e o entusiasmo que o caracterizan. A visita serviu tamén para recoñecer a traxectoria vital de Jesús Pernas, que forma parte do grupo de persoas centenarias do municipio.
Desde o Concello destacaron a importancia destas veciñas e veciños como parte fundamental da memoria colectiva de Vilalba, subliñando o valor das súas experiencias e lembranzas para comprender a historia recente da localidade.
A celebración desenvolveuse nun ambiente familiar e próximo, no que non faltaron as mostras de cariño cara ao centenario. O Concello agradeceu a hospitalidade da familia e trasladou os seus mellores desexos a Jesús Pernas para que continúe gozando da vida coa mesma enerxía que amosa aos seus 104 anos.