Jordy Cicely participará este sábado nun encontro co Club de Lectura Entre Liñas de Pastoriza

O escritor Jordy Cicely participará este sábado 30 de maio nun encontro literario co Club de Lectura Entre Liñas de Pastoriza para compartir impresións, experiencias e reflexións arredor da súa novela El verano que volvió Sherezade, publicada por Editorial Fanes. A actividade desenvolverase no Hábitat Cultural Fogar de Maeloc.
Será a primeira vez que o autor participe nun encontro destas características con motivo da súa segunda novela, unha experiencia que asegura vivir con especial ilusión ao considerar que este tipo de actividades permiten un contacto directo e íntimo cos lectores que xa coñecen a obra.
Cicely destacou que para un escritor resulta especialmente enriquecedor poder mirar “aos ollos dos lectores” e coñecer de primeira man as impresións, interpretacións e emocións que lles transmitiu a historia. Segundo explicou, estes encontros serven para derrubar a barreira que adoita existir entre quen escribe e quen le unha novela.
O autor espera responder ás dúbidas e inquietudes que poidan xurdir sobre os protagonistas da obra, Jairo e Sherezade, así como sobre a trama ambientada en terras de Friol. Ao mesmo tempo, recoñece que lle interesa especialmente escoitar as valoracións das persoas que se mergullaron na aventura emocional narrada no libro.
Ata o momento, El verano que volvió Sherezade acumulou numerosas vendas, sinaturas, entrevistas, reportaxes e presentacións públicas. Porén, o escritor subliña que aínda non tivera ocasión de participar nun diálogo pausado con lectores habituais, algo que asegura botar “moito de menos” e que considera unha das partes máis valiosas da experiencia literaria.