José Miñones presenta nas Pontes unha nova Oficina de Transición Xusta

TerraChaXa
Miñones presenta nas Pontes a Oficina de Transición Xusta para a captación de fondos nos 19 concellos protagonistas da revolución verde.
presentacion nova oficina transicion xusta as pontes1
presentacion nova oficina transicion xusta as pontes1
11 Xul 2022

Esta unidade presta apoio técnico aos concellos impactados polo peche de térmicas, para beneficiarse dos 91M€ da convocatoria do Goberno que está aberta para municipios afectados en todo o país.

O delegado do Goberno, José Miñones, reuniuse esta mañá nas Pontes co alcalde do municipio, Valentín González Formoso, e con alcaldes e alcaldesas dos 19 concellos galegos cos que o Executivo asinou convenios de transición xusta para confirmarlles o “firme compromiso” coa revitalización industrial das zonas afectadas polo peche de térmicas e presentarlles a Oficina de Transición Xusta que o Goberno pon á súa disposición.

José Miñones trasladou o “compromiso firme” con este proceso e os “investimentos históricos” dispoñibles para “apuntalar a revolución verde en Galicia”. Nese sentido, aludiu a dúas convocatorias principais: dunha banda, os 111 millóns do Fondo de Transición Xusta que corresponden á provincia da Coruña; doutra banda, os 91 millóns do Plan de Recuperación que o Goberno reparte entre os concellos afectados pola descarbonización en todo o país.

Os 16 concellos da Coruña e os 3 de Lugo con convenios de transición xusta contan coa nova oficina técnica instalada nas Pontes para perfilar as súas candidaturas e captar os máximos fondos posibles desta liña destinada a financiar a rehabilitación de infraestruturas públicas e bens de titularidade pública, que reforcen o compoñente ambiental, social e dixital destes municipios.

José Miñones pediu á Xunta que complemente estas axudas con fondos propios para impulsar estes proxectos, “que van ter un importante impacto no territorio” para fraguar “esta revolución verde, sobre todo na comarca de Ferrolterra”. “Imos aproveitar a oportunidade da transición enerxética para transformar o modelo económico de Galicia e estar á altura dos retos do futuro”, defendeu o delegado durante a xuntanza cos representantes municipais, na que tamén participou a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas.

A transición ecolóxica, unha oportunidade para Galicia

José Miñones defendeu que a transición ecolóxica non só é unha necesidade, senón que representa unha grande oportunidade para a comunidade autónoma. “Galicia é unha potencia en renovables e a transición enerxética é o único camiño posible, non só para o medio ambiente, senón tamén para preservar o futuro da industria e o do emprego de calidade”, afirmou. Nese sentido, manifestou que o Goberno está a poñer os recursos para “construír un novo tecido industrial, impulsar novos proxectos empresariais e axudar a fixar poboación nos concellos de Galicia afectados polo necesario peche das centrais térmicas”.

O delegado engadiu que este proceso se está a realizar “coa colaboración de todas as administracións”, nun proceso no que remarcou o “protagonismo” dos 19 municipios afectados polos peches das centrais térmicas de Meirama (Cerceda, Ordes, Carral, Tordoia e A Laracha) e As Pontes (As Pontes, A Capela, Xermade, San Sadurniño, As Somozas, Mañón, Monfero, Moeche, Cerdido, Vilalba, Cabanas, Ortigueira, Muras e Ferrol).

Estes 19 concellos contan xa coa axuda da Oficina de Transición Xusta que o Goberno vén de poñer en marcha no centro de empresas Seara, nas Pontes, e que está xestionada por técnicos da empresa pública Tragsa. O seu cometido principal será axudar aos municipios a dar o último impulso aos seus proxectos para aproveitar ao máximo a convocatoria de 91 millóns de euros do Plan de Recuperación que o Goberno destina a infraestruturas nos municipios de transición xusta en toda España (Orde TED/1476/2021).

0.18470597267151