Julio Díaz destaca o apoio do grupo de non adscritos ao arranxo de 18 estradas municipais en Muras

O concelleiro non adscrito do Concello de Muras, Julio Díaz, destacou o traballo que está a realizar o seu grupo para atender as demandas da veciñanza e puxo como exemplo o seu apoio á modificación de crédito aprobada no pasado pleno ordinario do 26 de agosto, destinada a financiar o arranxo de 18 estradas municipais en diferentes puntos do termo municipal.
Díaz sinala que se trata dunha actuación de “urxencia e necesidade” para o día a día da veciñanza, tanto para facilitar os desprazamentos ás súas vivendas como ás súas explotacións gandeiras. Segundo explica, as condicións meteorolóxicas adversas do último inverno provocaron un maior deterioro das vías municipais, polo que estas obras responden a unha demanda existente entre os veciños e veciñas.
Os traballos incluirán o rego asfáltico e o aglomerado, así como a limpeza de cunetas e gabias. “Se queremos ser un Concello con futuro, temos que ter unha rede viaria en bo estado”, afirma o concelleiro.
O edil tamén destaca que o informe da Secretaría municipal establece un resultado favorable da fiscalización, polo que, segundo sinala, a actuación cumpre coa legalidade vixente e conta co orzamento necesario para a súa execución.
Esta intervención dará continuidade a outra actuación impulsada a principios de ano a través do Fondo de Compensación Ambiental, que contempla o acondicionamento doutras 12 estradas municipais. Nestes momentos, segundo explica Díaz, estase a proceder á limpeza do firme para preparar a execución dos traballos de mellora.
Deste xeito, o concelleiro calcula que serán arredor de 30 as estradas nas que se actuará entre os dous proxectos. “Para nós son 30 familias que van contar con accesos dignos no seu día a día”, sinala.
Julio Díaz reivindica ademais a autonomía do grupo de non adscritos á hora de tomar decisións e presentar propostas no Concello. “Nós non preguntamos aos veciños de que partido son e a quen votan. Simplemente escoitamos as súas propostas e facémolas chegar ao pleno”, afirma.
Neste sentido, defende que non pertencer a ningún dos grandes partidos permite ao grupo actuar con “total autonomía e absoluta liberdade”, sen recibir instrucións externas sobre as decisións que debe adoptar. “Facemos propostas humildes, sinxelas, pero que repercuten no día a día dos veciños”, engade.
O concelleiro recoñece que existen sectores aos que non lles gusta que o grupo presente propostas ou chegue a acordos, pero asegura que os non adscritos continuarán escoitando as demandas da veciñanza e traballando para trasladalas á Corporación municipal.
“Ante o ruído, dende o grupo de non adscritos seguimos coa nosa folla de ruta: seguir traballando polos veciños e por ter un Muras con futuro”, conclúe Julio Díaz.