Julio Díaz reivindica o seu labor como non adscrito en Muras e aposta por seguir coa política de proximidade

TerraChaXa
O edil destaca a aprobación de iniciativas como a oficina bancaria, as axudas á eficiencia enerxética ou a mellora de infraestruturas e critica a oposición do PP
julio-muras
24 Jun 2026

Cando falta aproximadamente un ano para as próximas eleccións municipais, o concelleiro non adscrito de Muras, Julio Díaz, fixo balance da súa actividade política desde que decidiu afastarse do Partido Popular e continuar o seu labor en solitario dentro da Corporación municipal.

Díaz asegura que esta decisión estivo motivada pola súa vontade de impulsar unhas "políticas próximas", xa que consideraba que non se estaba a desenvolver unha acción política cara á veciñanza. Segundo explicou, "tiñamos moito que achegar e os veciños séntense satisfeitos". Aínda que recoñece que non sempre logran unanimidade nos acordos, destaca que as súas propostas "van saíndo adiante".

Neste sentido, mostrouse crítico coa actitude do Partido Popular nos plenos municipais. "O PP vota en contra pensando que o fai contra min, pero faino en contra dos veciños", afirmou.

Entre as iniciativas impulsadas durante este período, o edil destacou o inicio dos trámites para a instalación dunha oficina bancaria no municipio, unha demanda histórica para mellorar os servizos á poboación. Tamén lembrou o compromiso adquirido polo equipo de goberno para render homenaxe aos traxes rexionais da desaparecida banda de música de Muras.

Outra das propostas aprobadas foi o inicio dos trámites para a adquisición da finca onde se celebra a tradicional Feira do Poldro. Segundo defendeu Díaz, "hai que contar cunhas instalacións propias e o sitio é idóneo" para garantir o futuro deste evento de referencia no municipio.

No ámbito das enerxías renovables, o concelleiro puxo en valor as achegas realizadas en relación coa repotenciación dos parques eólicos Muras I e Muras II. Neste caso, solicitou que se incrementasen as axudas destinadas á veciñanza, especialmente ás persoas con rendas máis baixas.

Ligada a esta cuestión, tamén destacou a creación dunha liña de axudas para actuacións de eficiencia enerxética. Trátase dunha iniciativa "que contou co voto en contra do PP e do PSOE, pero que finalmente saíu adiante" e que xa está en vigor para a actual convocatoria. Sobre as críticas recibidas por estas subvencións, Díaz lembrou que "houbo xente que cualificou as axudas de esmolas", aínda que defendeu a súa utilidade para mellorar a economía doméstica das familias beneficiarias.

Entre as actuacións pendentes, sinalou a proposta para dotar de alumeado público á senda peonil que une as vivendas sociais coa área recreativa da Veiga. Neste caso, asegurou contar co compromiso do equipo de goberno para a súa execución. Tamén destacou diversas melloras en estradas municipais que foron aprobadas e que, segundo indicou, comezarán a executarse proximamente.

De cara ao que resta de mandato, Julio Díaz avanzou que continuará traballando na mesma liña de proximidade coa cidadanía. "Seguiremos escoitando aos veciños e todo se vai levar a pleno", afirmou, incidindo na importancia dunha política baseada na "cercanía, realidade e axuda á veciñanza".

O edil concluíu reivindicando o papel construtivo da oposición municipal. "Ante o ruído nós facemos propostas", sinalou, ao tempo que defendeu que a oposición debe entenderse como unha ferramenta para realizar achegas e melloras para o municipio e non como un instrumento de bloqueo da acción política.

0.11902689933777