Julio Guntín asume a presidencia do Vilalba F.S. tras a renovación da directiva

O Vilalba F.S. inicia unha nova etapa coa elección dunha nova xunta directiva, despois da renuncia do equipo encabezado por Álvaro Fraga, que estivo á fronte da entidade durante os últimos anos. A nova dirección foi elixida por unanimidade na asemblea extraordinaria celebrada polo club, na que concorreu unha única candidatura.
A partir de agora, Julio Guntín ocupará a presidencia da entidade, acompañado por Kini Martínez como secretario, César Quijada como tesoureiro e Antonio Teijeiro como vogal.
A nova directiva marcou como principal obxectivo dar continuidade ao traballo desenvolvido polo equipo saínte, unha etapa na que o club experimentou un notable crecemento tanto no ámbito deportivo como organizativo. Durante o mandato de Álvaro Fraga púxose en marcha a sección feminina, que chegou a situarse ás portas da Primeira División, mentres que o equipo sénior masculino conseguiu o ascenso á Segunda División B, consolidando ao Vilalba F.S. como unha das referencias do fútbol sala galego.
A planificación da próxima tempada xa está en marcha e un dos asuntos clave será a configuración definitiva das categorías nacionais. Desde o club confían en que o conxunto sénior masculino continúe competindo na categoría de bronce do fútbol sala estatal, ao contar co mellor coeficiente entre os equipos candidatos a cubrir posibles vacantes, ademais de estar pendentes da resolución do recurso presentado ante o Tribunal Administrativo do Deporte (TAD).
Nos últimos días, representantes da nova directiva mantiveron tamén unha reunión coa alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e coa concelleira de Deportes, Paula Vigo. No encontro trasladaron a intención de incorporar novos equipos de base á estrutura do club e expuxeron diversas necesidades relacionadas co Pavillón Municipal de Deportes, entre elas os problemas de goteiras e condensación que afectan ás instalacións durante a tempada.
A nova xunta quixo agradecer expresamente o labor desenvolvido por Álvaro Fraga e polas persoas que formaron parte da directiva durante estes anos, entre elas Manuel López, José Antonio Rey “Lexos”, Álvaro Vázquez e o propio Julio Guntín. Desde a entidade destacan que o esforzo e a dedicación altruísta de todos eles resultaron fundamentais para impulsar o crecemento deportivo e estrutural do Vilalba F.S. e sentar as bases dos retos que afrontará o club nos vindeiros anos.