Kevin Cuba proclámase subcampión de España sénior en Sagunto

O loitador do Club Loitas Olímpicas Vilalba, Kevin Cuba, proclamouse esta fin de semana subcampión de España sénior no campionato disputado na localidade valenciana de Sagunto. O deportista competiu na categoría de 125 quilos, unha superior á súa habitual, en substitución do vilalbés José Cuba, que non puido participar debido a unhas molestias no xeonllo.
Kevin Cuba continúa así asinando unha temporada destacada, na que xa suma tres medallas nacionais. Ao ouro conseguido na categoría U20 e á prata acadada en U23 engade agora este subcampionato absoluto, nunha competición na que estivo moi preto de facerse co título. A final resolveuse aos puntos nun enfrontamento moi igualado fronte ao madrileño Carlos Acebrón.
Desde o club destacan o mérito do resultado obtido polo deportista, que aínda pertence á categoría U20 de primeiro ano e que xa é capaz de competir ao máximo nivel estatal na categoría sénior, confirmando a súa progresión e proxección dentro da loita olímpica.
A representación lucense no campionato completouse coa participación das loitadoras do Club de Loita Lugo Ana López e Gilmari Carolina Márquez, que remataron na quinta e sexta posición, respectivamente.
A próxima cita para Kevin Cuba será esta mesma semana en Romanía, onde disputará o torneo internacional de Bucarest co obxectivo de lograr a súa clasificación para o Campionato de Europa U20.
Con esta nova medalla, o Club Loitas Olímpicas Vilalba suma xa oito metais en campionatos de España durante a presente temporada, tres deles de ouro, uns resultados que, segundo a entidade, reflicten a evolución e o bo momento da súa canteira deportiva.