KParaprota achegará a Muras 'Latexos', as lendas galegas en clave de humor

A Casa do Médico de Muras acollerá este venres 18 de setembro, ás 19.00 horas, o espectáculo de KParaprota Latexos, unha proposta en clave de humor que convida o público a mergullarse na maxia das lendas galegas a través de obxectos de mesa e marionetas.
A representación achegará ao público historias e elementos propios do imaxinario tradicional galego, entre eles os xentís, os pitiños de ouro e as vigas soterradas, nunha posta en escena que combina humor, obxectos e marionetas.
O espectáculo, dirixido por Kevin Stewart, terá unha duración aproximada de 45 minutos e forma parte da programación do programa de dinamización lingüística FalaRedes.