Lago Sport abre as portas do seu proxecto de fútbol sala feminino en As Pontes

TerraChaXa
Están dirixidas a xogadoras de diferentes idades, desde a categoría biberón ata xuvenil
futbol-sala-feminino
29 Apr 2026

O club Lago Sport puxo en marcha unhas xornadas de portas abertas para dar a coñecer o seu proxecto de fútbol sala feminino de cara á tempada 2026/27. A iniciativa arrancará o vindeiro 4 de maio e está dirixida a todas aquelas nenas interesadas en probar este deporte, coñecer o funcionamento do club e decidir se queren formar parte dalgún dos seus equipos ou da súa escola deportiva.

Desde a entidade destacan que se trata dun proxecto en constante crecemento e lembran que o club conta con equipos en todas as categorías femininas, ademais de máis de medio cento de xogadoras federadas. Para a próxima campaña prevese a participación de seis conxuntos femininos.

As xornadas están abertas para xogadoras de diferentes idades, desde a categoría biberón ata xuvenil. O club estableceu grupos segundo os anos de nacemento, desde as nadas entre 2008 e 2010 ata as máis pequenas, nacidas entre 2021 e 2023.

Lago Sport anima ás familias e ás mozas da comarca a achegarse a esta actividade gratuíta, pensada para fomentar o deporte feminino e seguir impulsando o fútbol sala nas Pontes. As persoas interesadas poden obter máis información e formalizar a inscrición a través do teléfono 679 371 472, dispoñible tamén por WhatsApp.

0.12788486480713