Lago Sport busca apoio para seguir medrando cun proxecto que xa reúne 17 equipos

O Lago Sport quere que a súa afección dea un paso máis esta tempada. O club das Pontes acaba de poñer en marcha a campaña do carné simpatizante 2026/27, unha iniciativa coa que busca sumar apoio económico e social para manter en marcha un proxecto que xa conta con 17 equipos, desde as categorías máis pequenas ata o sénior.
A campaña non se limita ao primeiro equipo. O club presenta unha estrutura na que o fútbol sala de base ten un peso destacado, xunto con diferentes iniciativas destinadas a ampliar a formación dos deportistas. Entre elas figuran unha escola de porteiros e porteiras, unha academia de saúde e rendemento e o proxecto Lago Sport 360.
Outro dos eixes polos que aposta a entidade é o fútbol sala feminino. Para esta tempada conta con seis equipos e arredor de 50 xogadoras, nunha liña de crecemento que xa tivo un dos seus últimos exemplos no pasado mes de maio, cando o club organizou a quinta edición do Torneo de Futsal Base Feminino Lago das Pontes, cunha participación de máis de 200 xogadoras procedentes de oito clubs galegos.
A entidade tamén mantén unha sección inclusiva a través dun convenio con ASPANAES, ampliando así a actividade do club máis alá da competición convencional e incorporando o deporte como ferramenta de participación e integración.
A planificación para a nova tempada inclúe ademais diferentes actividades e eventos, entre eles torneos masculinos e femininos, encontros con seleccións, campus e clínics específicos para porteiros e porteiras.
O club quere que o carné simpatizante sirva precisamente para dar respaldo a este modelo. A mensaxe da campaña é clara: o apoio non se limita a un equipo, senón a toda unha estrutura deportiva que traballa desde as categorías de formación.
As persoas interesadas poden solicitar o carné a través da aplicación Cluber, mediante o código QR difundido polo propio club ou a través da ligazón habilitada para novas altas. Para obter máis información tamén está dispoñible o correo futsal.lagosport@gmail.com e o teléfono 679 37 14 72.
O Lago Sport afronta así a tempada 2026/27 cunha aposta por ampliar a súa base e consolidar un proxecto que, máis alá dos resultados deportivos, pretende manter unha presenza estable no deporte das Pontes.