Lalín homenaxea a Fernando Ónega coa inauguración dunha rúa e dunha sala na Biblioteca Municipal

O Concello de Lalín homenaxeou este domingo a figura do xornalista Fernando Ónega coa inauguración dunha rúa e dunha sala na Biblioteca Municipal Varela Jácome que levarán o seu nome, nun acto que serviu tamén para recoñecer a súa estreita vinculación coa localidade pontevedresa, da que era Fillo Adoptivo.
A xornada estivo presidida polo alcalde de Lalín, José Crespo, e contou coa asistencia da viúva do xornalista, Ángela Rodrigo, e dos seus fillos, Sonsoles, Cristina e Fernando Ónega. Tamén participaron o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, integrantes da Corporación municipal e numerosos veciños.
A nova rúa Fernando Ónega estará situada fronte á entrada principal de Mercadona, nunha zona da vila que experimentou un importante crecemento nos últimos anos. Segundo explicou o Concello, con esta iniciativa preténdese manter viva a memoria dun xornalista que levou o nome de Lalín consigo durante a súa traxectoria profesional.
O segundo espazo dedicado a Ónega atópase na Biblioteca Municipal Varela Jácome. Trátase dunha sala que acolle arredor de 400 libros procedentes da biblioteca persoal do xornalista, que foron doados ao Concello.
Durante o acto, o alcalde puxo en valor a longa carreira profesional de Fernando Ónega e, especialmente, a relación que mantivo con Lalín ao longo dos anos. Crespo lembrou o seu nomeamento como Fillo Adoptivo e a súa presenza habitual en diferentes iniciativas culturais e sociais da localidade, así como na Feira do Cocido.
Entre as lembranzas destacadas polo rexedor figurou o pregón que Ónega ofreceu na Feira do Cocido de 1996, unha intervención singular escrita en verso e con formato de ‘cantiga de cego’. Tamén salientou o seu compromiso coa defensa da unidade arredor desta celebración gastronómica.
José Crespo sinalou que a mellor maneira de render tributo ao xornalista é garantir que o seu nome permaneza vinculado á vila. “Lalín farao a través desta rúa Fernando Ónega e da sala Fernando Ónega da Biblioteca Municipal”, concluíu.