Lanzós celebrará o 8 de agosto a festa na honra a San Salvador cunha xornada de convivencia e música baixo carpa

A parroquia de Lanzós, no municipio de Vilalba, celebrará o sábado 8 a súa tradicional festa na honra a San Salvador, unha cita que cada verán reúne á veciñanza e a numerosos visitantes arredor dun completo programa no que non faltarán os actos relixiosos, a gastronomía e a música.
A xornada dará comezo ás 13.30 horas coa misa solemne e a posterior procesión na honra ao patrón. Ao remate dos actos litúrxicos celebrarase a sesión vermú, que estará amenizada polo dúo Carlos e Javi, encargado tamén de poñer ritmo á primeira parte da celebración.
A continuación terá lugar a tradicional comida campestre no campo da festa, un dos momentos de maior convivencia da xornada. O menú estará composto por xamón cocido, polbo, costela asada, milfollas de sobremesa, viño tinto e godello, café e chupito, cun prezo de 37 euros. Ademais, haberá un menú infantil por 20 euros para nenos e nenas de entre 6 e 10 anos, mentres que os menores de cinco anos poderán asistir de balde. O servizo de restauración correrá a cargo do cátering Chao da Brea.
Pola tarde continuará a festa cunha sesión de baile amenizada de novo por Carlos e Javi, aos que se sumará Puzzle Animación para completar unha proposta musical pensada para todos os públicos.
A organización destaca que toda a programación se desenvolverá nun campo da festa cuberto con carpa, garantindo así o desenvolvemento da celebración independentemente das condicións meteorolóxicas. O último día para anotarse ao xantar é o martes 4.
Con esta nova edición da festa de San Salvador, Lanzós manterá viva unha das súas citas máis tradicionais, combinando devoción, convivencia e diversión nunha xornada que volverá converter a parroquia nun punto de encontro para veciños, familiares e visitantes chegados doutros puntos da comarca.