Lara Méndez esixe unha solución definitiva para a estación de autobuses de Vilalba

TerraChaXa
Denuncia que o conselleiro de Presidencia leva tres anos sen falar coa alcaldesa para ofrecerlle “algunha resposta” diante da “situación deplorable” da infraestrutura
lara-mendez-marta-rouco-estacion-autobuses
18 Nov 2026

A parlamentaria socialista Lara Méndez esixiulle hoxe ao conselleiro de Presidencia, que ten as competencias en materia de transporte, que poña enriba da mesa unha alternativa viable ao peche da estación de autobuses de Vilalba. Méndez levou ao Pleno do Parlamento unha pregunta oral sobre a decisión da Xunta de pechar a estación no ano 2023 sen ofrecer unha alternativa ata que en 2025 ofreceron unha nova parada condicionada a que o Concello poña os terreos a disposición.

Méndez criticou que o conselleiro leva dende hai tres anos sen recibir á alcaldesa de Vilalba, a socialista Marta Rouco, que leva todo este tempo reclamando unha resposta con garantías fronte á situación “deplorable” da infraestrutura, que asegure unhas condicións mínimas de seguridade, de salubridade e de comodidade. Criticou que a día de hoxe “non sabemos o que prevén facer” para garantir a situación da estación de autobuses.

Explicou que Vilalba constitúe un “punto estratéxico” para a comunicación de milleiros de viaxeiros, entre eles estudantes, persoas maiores que teñen que ir ao hospital de Lugo, traballadores e mesmo peregrinos que empregan o Camiño de Santiago que pasa por diante da estación de buses, e que “non poden nin ir ao baño porque teñen as portas pechadas”.

Desafiou ao conselleiro a que visite as instalacións para ver en persoa as condicións nas que se atopan e esixiulle que “atenda ás necesidades dos veciños do Concello, da comarca e da provincia” que lle traslada a alcaldesa de Vilalba.

0.14857816696167