Lendas ou non tan lendas sobre defuntos

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
Notas vilalbesas, é o título da sección de Manuel Rivas, na que fala das vivencias e das xentes coa cultura e coa tradición.
manuel rivas
11 Nov 2022

Por Manuel Rivas García.

Corrían os anos cincuenta. A Galicia  rural onde vivía mais  do 70% da poboación activa estaba cruzada por camiños e corredoiras so aptos, na maior parte dos casos, para carros e camiñantes.  Antes do asfaltado, empedrouse con moito esforzo dos veciños algunha corredoira que atravesaba a parroquia de norte a Sur. En Distriz, onde eu vivía, había dúas tabernas nos lindeiros con Tardade: a do Capitán e a do Tropezón. Alí acudían o sábado ou domingo – se había algunha peseta de sobra e se podía- algúns  mozos e homes xa maiores a botar a partida ás cartas e beber en compañía un xerro de viño. Era un bo lugar de socialización ademais do adro da igrexa. Alí se comentaba un pouco de todo, menos de política – que estaba prohibido-. Nesa época aínda non chegara a luz eléctrica ás aldeas e para andar de noite polos camiños usábanse fachos de palla, farois cunha  vela dentro ou focos de pilas. Camiñar de noite con tan pouca luz sempre era un tanto arriscado , sobre todo se non había veciños cerca do vieiro.

Nas tabernas era frecuente gastar bromas e facer chanzas entre os veciños e amigos que alí se atopaban. Algunhas delas mesmo un tanto macabras co fin de meterlle o medo no corpo a outro, na medida que este era asustadizo. Algunhas tiñan que ver ca Santa Compaña ou con finxida aparición de defuntos. Pronto se terminaba descubrindo a broma e os bromistas e non pasaba de aí.

Nesa comarca da Chaira tamén teño oído falar cando era un neno de aparición de defuntos a algún familiar pedíndolle que ofrecera unhas misas pola súa alma ou que cumprira algunha promesa que non puidera levar a cabo en vida ou outros favores. Sobre isto había moitas lendas e contos. Sempre se referían a imaxes dun pasado que viñan actuar no presente.

Pero o que vou a relatar é mais complicado porque  se trata dunha persoa que ten imaxes dun futuro que aínda non se deu, pero que as “dotes especiais “ que ten permítenlle ver e anticiparse ao que vai acontecer.

Estou a falar  dun home, que hai anos que morreu e que non era precisamente nin un charlatán nin amigo de andar con contos asustando á xente. Coñecino e mesmo fun compañeiro de escola dalgún dos seus fillos. El predicía con medio ano ou máis tempo a morte dalgunha persoa. Cómo é posible ver o que aínda non pasou? A ver se algún día o explica a ciencia. Eu sigo sen entendelo.

Cómo o explicaba el? Contaba- iso non llo escoitei nunca porque eu era un neno e esas cousas non eran para contarlle a rapaces- que algunhas veces vía de noite ou en pleno día un enterro antes de que acontecera. Daquela as funerarias só vendían caixas para os mortos. Os velorios tiñan lugar na propia casa e portábanse a ombros os cadaleitos polos camiños e corredoiras. En moitos cruces de camiños había un cruceiro onde paraba a comitiva e o párroco rezaba un responso pola alma do finado.  Se el escoitaba con claridade o nome do finado no responso –durante a visión-, xa sabía de quen se trataba. Outra pista tamén a tiña nos familiares  ou amigos que levaban ao  falecido. Iso permitíalle barruntar   con bastante probabilidade de quen se trataba.  De todos xeitos el era un home serio , nada amigo de chanzas e que non presumía en absoluto deste tipo de visións que algúns outros da comarca tamén dicían ter, pero que en realidade se comprobaba que eran froito dunha pasaxeira euforia etílica. Era moi hermético e consciente da tremenda dor que podía causar a unha familia e  gardábase moito de concretar nada con nomes, nin casas nin barrios. Ao máis que chegaba era a dicir que da zona norte ou da parte de abaixo da parroquia morrería unha persoa anciá ou un mozo ou moza antes dun ano, au algo así de xenérico, nunha parroquia entón moi poboada. A veces non era o máis sospeitoso por estar enfermo quen caía. Tampouco predicía todos os casos. So ocasionalmente, cando os amigos lle ían tratando de quitar información.

Os curas daquela zona, que acostumaban a ser os máis cultos da parroquia, renegaban disto que considerábano  unha andrómena. Así debía suceder na case totalidade dos casos, pero o deste personaxe parecía diferente. Certa vez, un cura que tiña moita familia en Distriz, pero que estaba destinado en Mondoñedo fixo bromas con el sobre as súas visións. Terminou apostando mil Pesetas entón a que estaría en Distriz nun enterro antes de que se cumprise un ano. O interesado avisou convenientemente a súa irmá que non o chamase para ningún acto fúnebre antes dun ano, porque fixera unha aposta e,   de perdela, saíalle caro. Así foi, pero a súa irmá quedara embarazada e ao pouco tempo tivo un aborto. O irmán acudiu a Vilalba a vela. Meteron o anxeliño nunha caixiña branca e marcharon a Distriz a soterralo no panteón familiar. Saían do cemiterio e xa era mediodía. E alí se foi a cruzar con eles por casualidade aquel veciño que regresaba co gando cara a casa a xantar. Tras saudalos cortesmente e interesarse pola súa presenza alí, fixo un aparte co crego e lembroulle a aposta que tiñan feito. Aínda faltaban varias  semanas para que expirara o prazo e o cura relixiosamente recoñeceu que perdera a aposta. Non se explicaba como aquel home podía ter aquelas “visións” pero sabía que non ía de farol.

0.15980911254883